11/11/09

Axentes de Medio Rural interveñen para controlar o ataque dun xabarín nunha granxa na localidade coruñesa de Arzúa

Santiago, 10 de novembro de 2009.- Un xabarín macho duns 120 kilos de peso atacou a pasada madrugada unha granxa de gando vacún situada na parroquia de Burres, no concello de Arzúa (A Coruña), matando unha vaca e deixando ferida outra. Para controlar o animal tiveron que intervir un axente de Conservación da Natureza, da Consellería do Medio Rural, así como efectivos da Garda Civil e de Protección Civil de Arzúa, que foron alertados polos propios veciños afectados.
Os axentes tiveron que calmar o xabarín administrándolle varios dardos anestésicos, ata que finalmente, dado o estado de alteración do animal e o perigo que representaba para as persoas, fíxose necesario o seu sacrificio. Posteriormente o corpo foi trasladado ás dependencias de Protección Civil de Arzúa, lugar do que esta mañá foi retirado por persoal de Conservación da Natureza para levalo ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe da Coruña, situado en Oleiros, para o seu estudio e análise.
Unha primeira valoración dos axentes de Conservación da Natureza non desbota que o animal puidese ter algún grado de hibridación, dadas as súas características morfolóxicas. Espérase que coas probas biométricas e outros estudios que se están efectuando no Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe da Coruña se poida aclarar o estrano e agresivo comportamento deste animal, que non é habitual, segundo os expertos.
FONTE: NOVAS DA XUNTA