17/7/12

RED NATURA 2000

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, crea unha rede ecolóxica coherente denominada Natura 2000, que constitúe un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. A Rede Natura 2000 está composta polos lugares de importancia comunitaria (LIC), ata a súa transformación en zonas especiais de conservación (ZEC), e polas zonas de especial protección para as aves (ZEPA) declaradas conforme as disposicións da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.

Coa adopción da Decisión 2004/813/CE da Comisión, do 7 de decembro, pola que se aproba a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE nº L 387, do 29.12.2004) e a Decisión 2006/613/CE da Comisión, do 19 de xullo, pola que se aproba a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica mediterránea (DOUE nº L 259, do 21.9.2006), a Comisión Europea aprobou os 59 lugares de importancia comunitaria que foran propostos pola Comunidade Autónoma de Galicia.


A Xunta de Galicia, mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais, integrou na Rede galega de espazos protexidos todos o LIC propostos para formar parte da Rede Natura 2000 e todos os lugares declarados como zona de especial protección para as aves conforme a Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro, relativa á conservación das aves silvestres.

Os artigos 42.3 e 44 da mencionada Lei 42/2007, do 13 de decembro, establecen que unha vez aprobada a lista de LIC pola Comisión Europea, estes deberán ser declarados como ZEC polas comunidades autónomas correspondentes, logo do procedemento de información pública, canto antes e como máximo nun prazo de seis anos, xunto coa aprobación do correspondente plan ou instrumento de xestión. Así mesmo, o artigo 45.1.a), sobre medidas de conservación da Rede Natura 2000, establece a obriga de elaborar plans ou instrumentos de xestión, específicos para os lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento, e que deben incluír, polo menos, os obxectivos de conservación do lugar e as medidas apropiadas para manter os espazos nun estado de conservación favorable. O artigo 23 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece igualmente a obriga de someter a información pública os instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos.

O día 13 de xuño de 2011 presentouse o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable como órgano consultivo de carácter colexiado da Administración pública galega. Desde o día seguinte, o documento completo quedou á disposición do público na páxina web da Consellería do Medio Rural. Mediante o anuncio de 13 de xuño de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG nº 124, do 29.6.2011), o borrador do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia someteuse á participación do público polo prazo dun mes, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se considerasen directamente afectados o plan puidesen remitir as súas observacións e opinións, ao abeiro do establecido no artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Tras finalizar o devandito período, e unha vez que se estudaron as achegas ao Plan enviadas por particulares, empresas, asociacións, partidos políticos, sindicatos, colexios profesionais, concellos e organismos da Xunta de Galicia, acordáronse unha serie de modificacións sobre o texto posto á disposición do público para a mellora do documento.

O Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia establece un conxunto de obxectivos e medidas de xestión para os lugares que integran a rede na Comunidade Autónoma, coa finalidade de asegurar un estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e das especies de interese comunitario da Directiva 92/43/CEE e das especies de aves ás cales se refire o artigo 4 da Directiva 2009/147/CE. Trátase dun instrumento de planificación e xestión que se estrutura e adapta á figura de plan de ordenación dos recursos naturais, figura que permite a planificación en rede e está prevista tanto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, complementando os obxectivos formulados en ambas as normativas cos obxectivos e directrices para a xestión dos espazos protexidos Rede Natura 2000.

En consecuencia, o proxecto de decreto que se somete a información pública ten por obxecto declarar como zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria presentes en Galicia e aprobar o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, instrumento de planificación que recolle as medidas de xestión necesarias para o mantemento, ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable dos hábitats naturais e os hábitats das especies de interese comunitario e das especies de aves ás cales se refire o artigo 4 da Directiva 2009/147/CE no ámbito dos espazos protexidos Rede Natura 2000.

Polo anteriormente exposto, e conforme o establecido no artigos 21.2 e 44 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade polos que se regulan os procedementos de información pública e audiencia aos interesados, previos á aprobación dos PORN e á declaración de ZEC, e o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza,

ACORDO:

1. Someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, polo prazo de dous meses, contado o dito período desde a publicación deste anuncio, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados por este decreto, poidan remitir a súas alegacións mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico pdnatura2000.cmr.santiago@xunta.es

2. Durante o citado prazo, o proxecto de decreto, así como o Plan director da Rede Natura 2000, con todos os documentos que o integran, poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:
http://www.cmati.xunta.es

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza