A garda civil acusa a estas persoas de asociación ilícita, ameazas, coaccións, revelación de segredos e delicto contra o medio ambiente por, entre outras accións, a solta duns 150.000 visóns americanos nos últimos anos. Malia á gravidade dos cargos que se lles imputan, pensamos que hai xeitos menos drásticos de instruir o caso que non requiren do ingreso en prisión destas persoas, cuxas actividades e filiación sempre foron públicas, non esistindo tampouco risco de fuga. O mero feito de equiparar este caso, en canto a recursos, medidas e tratamento mediático, con operacións antiterroristas deteriora non só a imaxe do movemento ecoloxista senón tamén da xustiza e do estado de dereito.
Lamentabelmente, outros flagrantes delictos contra a natureza, o patrimonio histórico ou a facenda pública consentidos ou mesmo promovidos polas propias administracións (como o convenio urbanístico de Barreiros) non son obxecto da mesma dilixencia e tratamento por parte das forzas da lei. ADEGA reclama da xustiza máis mesura e proporcionalidade á hora de tomar determinadas medidas neste caso, e a inmediata posta en liberdade das persoas encarceradas das que en todo momento deben respectarse os seus dereitos civís, comezando pola presunción de inocencia.
FONTE: WEB DE ADEGA