3/12/10

Unha comisión estatal promovida por Medio Rural estudia a revisión do réxime legal da responsabilidade por danos da caza


O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) vén de crear, por iniciativa da Xunta, unha comisión para a revisión do réxime legal sobre a responsabilidade civil por danos provocados pola caza. O propio conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, propuxo a posta en marcha deste grupo de traballo no seo da Conferencia Sectorial.
A comisión, que xa está a traballar na cuestión e que se reúne con frecuencia, está analizando a problemática e ten como cometido dar alternativas máis equilibradas e repartidas entre os actores implicados.
A existencia deste órgano foi dada a coñecer hoxe polo titular de Medio Rural na presentación das conclusións da xornada sobre "Danos, cultivos e caza", que tivo lugar esta maña en Santiago e na que participaron, ademais do conselleiro, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, e o presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón.
Esta xornada celebrouse en Santiago o pasado día 2 de outubro, organizada polas federacións española e galega de caza e patrocinada pola Xunta de Galicia. No foro púxose de manifesto que os danos causados pola fauna salvaxe e en especial a cinexética aos cultivos e a gandería, aos que hai que sumar os accidentes por estrad,a son un problema social crecente.
Diálogo
O conselleiro do Medio Rural dixo neste foro que "compartimos a preocupación polos danos que produce a fauna silvestre. A solución pasa polo diálogo e a comunicación entre os implicados, e mellor si esta se produce de forma desapaixonada e reflexiva". Pola súa banda, o director xeral de Conservación da Natureza lembrou que "a actividade cinexética aporta unha impagable labor ambiental de control das especies que proliferan máis alá dos niveis adecuados".
Conclusións
Na rolda de prensa, o presidente da Federación Galega de Caza resumiu as conclusións da xornada de Santiago do Observatorio Cinegético, entre as que salientou a función social que realizan os cazadores e a necesidade de modificar o réxime legal dos danos, así como na prevención destes como unha tarefa compartida entre os usuarios do medio.
Os expertos participantes nesta xornada tamén advertiron sobre o feito de que cada vez son máis as pezas que se cazan en España; nestes 10 últimos anos multiplicáronse por 1,6, un 60% máis. En Galicia en particular, a caza de xabaril –especie que produce máis volume de danos– multiplicouse por algo máis de 3 (pasamos na última campaña dos 9.000 exemplares). Por tanto, é indubidable o esforzo cinexético malia a diminución das licencias.
Réxime Legal
A Responsabilidade civil por danos provocados pola caza vén regulado polas leis de caza (Lei Nacional de 1970 e Regulamento; e as Leis Autonómicas, Galicia Lei 4/1997 e Regulamento, decreto 284/2001).
A responsabilidade principal é do titular do couto ou TECOR, é dicir dos que teñen os dereitos cinexéticos. Galicia ten unhas 2.500.000 hectáreas de terreos cinexéticos (TECORES), é dicir o 85% do territorio. A Administración debe responder só cando as pezas de caza proveñen de espazos xestionados por ela.