17/12/10

Orde do 13 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para o ano 2011.

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para:

Modalidade A: recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da mellora da calidade do seu hábitat.

Modalidade B: conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa cría en semiliberdade e a súa reintrodución no medio natural.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Destino das axudas.

1. Son actuacións subvencionables destas axudas:

a) Para a modalidade A:
Financiamento dos investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa, e para a limpeza e adecuación de fontes e mananciais.

b) Para a modalidade B:
Construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade e construción de tobeiras artificiais por aqueles beneficiarios que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas.

2. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán acollerse a estas axudas tanto os titulares de tecores galegos como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada Tecor, só será admisible unha única solicitude.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Contía dos investimentos e das axudas.
1. Establécense as seguintes contías subvencionables para cada unha das actuacións que se realicen:

Modalidade A:
a) Roza e trituración mecánica: 360 euros por hectárea.
b) Arada, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea.
c) Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 euros/unidade.

Modalidade B:
a) Instalacións de cría: ata un máximo de 18.000 euros por beneficiario.
b) Construción de tobeiras: ata 6.000 euros por beneficiario cun límite de 1.500 euros por tobeira.

2. A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 50% do custo dos investimentos na modalidade A, fixándose un máximo de 18.000 euros por solicitude. Na modalidade B, a porcentaxe de axuda poderá chegar ata o 100%.

3. O IVE non será subvencionable, tampouco todos aqueles gastos que figuran no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

4. Para os efectos do disposto no artigo 27º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao contido dela.

5. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

6. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.



VER TEXTO COMPLETO: PINCHA AQUÍ