21/10/10

Técnicos de Medio Rural e expertos analizan no Piornedo a evolución das especies cinexéticas da reserva dos Ancares

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, presidiu esta mañá a Xornada técnica de divulgación dos traballos realizados na Reserva de Caza de Ancares.
Nesta xuntanza, na que participaron técnicos da propio Dirección Xeral e outros expertos na materia, analizouse, por un lado, os resultados dos estudos realizados sobre o seguimento e evolución das principais poboacións cinexéticas deste espazo (corzo e rebeco) nos últimos anos. Ao tempo, neste foro traballouse tamén na definición e posta en práctica de diferentes actuacións de mellora do seu hábitat, tanto das propias especies coma do medio.

Permisos
Os permisos de caza destas especies adxudícanse entre propietarios de terreos dentro da Reserva, para o seu uso por eles mesmos ou a súa cesión, dentro das condicións que establece a normativa vixente.
O que se persegue, en definitiva, é que a actividade cinexética funcione como fonte de ingresos para os titulares dos terreos, facilitando un uso sostible dos propios recursos cinexéticos e da Reserva en si mesma.
Especies
Por outra banda, na xornada celebrada esta mañá no Piornedo (Lugo) analizouse a relación existente entre estas e outras especies cinexéticas e outros compoñentes da fauna da Reserva, como é o caso do lobo.