26/6/09

NOTA DE PRENSA DA FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA

A FEG mostra a súa preocupación pola falta de atino nunha das primeiras medidas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de conservación.

A Xunta permitirá por primeira vez a caza da rula en Galicia.

(Compostela, 26 xuño 2009) A rula común (Streptopelia turtur) é a máis pequena das pombas silvestres presentes no noso país, e atópase catalogada no Libro Rojo de las Aves de España como Vulnerable, debido a que esta ave experimentou un acusado declive ao longo dos últimos decenios. Especie migratoria procedente do norte de África e presente entre abril a setembro. Diferentes estudios indican que aínda tratándose dunha especie relativamente abundante, a súa poboación está diminuíndo de forma alarmante.

A Federación Ecoloxista Galega indica a medida foi aprobada no Comité Galego de Caza (mércores 24), e pola que se permitirá cazar en Réxime Especial de “media veda” na zona da Limia (Ourense) xunto ao paspallás e o pombo torcaz. Unha medida que ven a incrementar a polémica existente coa caza estival de paspallás e pombo que se practica nalgúns puntos de Galicia, concretamente en territorios da Limia e da antiga Lagoa de Antela. Para máis inri, prodúcese nunha área que polos seus valores ornitolóxicos debería estar declarada coma ZEPA (Zona de Especial Protección das Aves) aspecto que está investigando a Unión Europea pola baixa superficie protexida que se da en Galicia.

A aceptación da caza desta especie aséntase nunha lóxica irresponsable por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ao permitir ao “tuntún” a caza da rula sen mediar estudios que avalen dita xestión cinexética. O porque sí do Comité Galego de Caza debería estar referendado por informes técnicos sobre a situación da especie, distribución, e abundancia, así como da determinación dos factores que afectan dita situación e valoración e importancia dos mesmos. Igualmente en termos de xestión deberían previamente presentarse a xustificación do cupo de capturas, días de caza, e o momento de abrirse a media veda, aspecto este último importante, xa que é coñecido que o maior número de rulas cazadas corresponden a individuos xuvenís (criados na mesma estación) que son abatidos con maior facilidade.

Lonxe destas valoracións, dende o Comité Galego de Caza, decidiuse baixo criterio técnico que descoñecemos, e mais ben atendendo aos “caprichos” do colectivo de cazadores d’A Limia, adiantar o inicio da media veda unha semana, co cal se comezaría o 22 de agosto, período que aínda se solapa máis co final da cría da rula, paspallás e o pombo, así como doutras moitas especies de aves protexidas en diferentes categorías.

A FEG solicitará á Dirección Xeral de Conservación da Natureza toda a documentación xustificativa presentada ante o Comité Galego de Caza para avalar a caza da rula, cando ademais noutras rexións españolas estase discutindo a supresión da media veda, no que se autoriza a caza de determinadas aves migratorias e cun alto risco sobre moitas especies ameazadas. En Galicia esta polémica xa se acendeu fai varios anos co caso do paspallás (Coturnix coturnix).

A FEG non ten moi claro a que Conselleiro dirixirse na Xunta, Medio Ambiente ou Rural, para que deixen a rula rular polo interese público xeral do seu canto universal inspirador de numerosas cantigas de amor nas letras galegas.

FONTE: http://www.federacionecoloxista.org/