30/10/17

CAPÍTULO IV: AXUDAS DESTINADAS A TITULARES DE TERREOS CINEXÉTICOS ORDENADOS (TECOR) DE GALICIA AFECTADOS POLOS INCENDIOS NO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO

Base primeira. Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para paliar os danos causados nos terreos cinexeticamente ordenados como consecuencia dos incendios que se produciron durante o mes do outubro do ano 2017, incluídos os danos producidos desde o día do incendio ata o 31 de decembro de 2017.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas os titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de outubro de 2017.

3. Serán subvencionables con cargo á presente convocatoria:

a) As actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polos lumes.

b) A recuperación das infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, tobeiras, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalizacións, etc.)

4. As actuacións referidas na letra a) consistirán na sementeira de cereais nos tecor afectados pola vaga de lumes forestais referida. Para tal efecto as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10 % da superficie queimada.

O custo subvencionable será dun máximo de 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Respecto ás actuacións referidas na letra b), os interesados deberán presentar unha memoria sobre os danos ocasionados nas infraestruturas ou instalacións afectadas polo lume, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos ditos bens.

Subvencionarase o 100 % dos gastos acreditados en reparacións e/ou reposicións das infraestruturas e/ou instalacións ata un máximo de 12.000 euros por solicitante.