7/2/20

Axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809E).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) ou de autoconsumo.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento MT809E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809E).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de dous millóns douscentos corenta e un mil euros.

O importe das axudas por danos causados nos cultivos agrícolas polo xabaril figura no anexo I desta orde.

O importe máximo por persoa beneficiaria e ano establécese en 1.700 €. No caso de que os danos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 1.700 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2019 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano do xeito e no prazo previsto na Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril e se convocan para o ano 2019.

b) O prazo de presentación da solicitude de axuda será de un mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012.

Sexto. Outros datos

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2019 ata o 10 de outubro de 2020.

No prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos en cultivos agrícolas, as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias e os de autoconsumo deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30 horas, os sábados.