7/7/18

O GRUPO O-XAN PRESENTA NO PARLAMENTO UNHA PROPOSTA PARA LOGRAR UNHA CONVIVENCIA DO LOBO COA GANDERÍA EN GALICIA


Lembran a grave situación para os gandeiros, cun incremento do 100% dos ataques entre 2015 e 2017

Santiago de Compostela, 20 de xuño. Este mércores 20 de xuño membros do grupo O-Xan presentaron a todos os grupos do Parlamento de Galicia o resultado de tres anos de reunións, intercambio de información e diálogo construtivo entre gandeiros, organizacións ecoloxistas e asociacións de cazadores para acadar unha visión xeral e unhas propostas definidas para a xestión sustentable do lobo en Galicia.


A situación actual é grave, cun incremento do 100% no número de ataques ao gando en só dous anos, e compre tomar cartas no asunto e traballar para reducir os ataques e a conflitividade.

Hai máis de ano e medio que O-Xan presentou varias propostas á Consellería de Medio Ambiente que non foron atendidas e esta segue a priorizar unicamente os pagos por danos cando estase demostrando que non reduce o problema e incrementa os custes para a administración. Esta estratexia xa se seguiu noutras comunidades cun claro fracaso a medio prazo.

Neste sentido, defenden que é necesario o desenvolvemento completo do Plan de Xestión do Lobo en Galicia, pois as medidas non poden quedar en pagar os danos (que van en aumento) e empregar remanentes (se os hai) para pagar pastores eléctricos aos gandeiros.

UNITEGA é socio fundador de O-XAN


O número de ataques rexistrados do lobo ao gando en Galicia duplicouse entre 2015 e 2017
O número de ataques do lobo ao gando notificados á Xunta de Galicia duplicouse entre os anos 2015 e 2017, pasando de 618 avisos a 1203. O números de reses afectadas tamén aumentou dende as 1.258 animais aos 2.379 en 2017.

Os ataques denunciados duplícanse nas catro provincias.

En canto ás especies, o 60% dos ataques rexístranse a ovellas, seguido de vacas, cun 20%, mentres que o 10% dos animais dos que se denunciaron ataques foron cabras e un 9% cabalos do monte. No que se refire á tendencia, entre 2015 e 2017 duplicouse o número de ataques denunciados a ovellas e vacas, e en menor medida a cabras e cabalos.


Tradicionalmente o cabalo de monte era a principal fonte de alimento das mandas de lobos en Galicia, pero nos últimos anos foi perdendo relevancia tanto debido aos baixos prezos da súa carne como á substitución de pasteiros no monte por plantacións forestais. Está por confirmar cun estudo se estes cambios están a provocar unha modificación na alimentación do lobo, cun incremento de ataques a gando ovino e vacún.