2/4/16

Os gandeiros de Montederramo están ao límite ante os continuos ataques de lobos

Os centenares de ataques dos lobos no Macizo Central ourensán levou os gandeiros a iniciar os trámites para a creación dunha plataforma que lles permita paliar os danos causados. O colectivo denuncia a súa indefensión ante os ataques dos cánidos salvaxes que, segundo aseguran, aumentan ano tras ano.

Os ataques dos lobos no Macizo Central ourensán, unha ampla zona que abrangue ata nove concellos da provincia, mobiliza os gandeiros que están decididos a organizarse nunha plataforma e demandar máis protección. Aseguran que os lobos aumentaron en número de xeito alarmante nos últimos anos e xa se achegan ás poboacións. Incluso algún gandeiro puido fotografalos co seu teléfono móbil a plena luz do día nunha estrada comarcal no concello de Montederramo.

A Consellería de Medio Ambiente confirma que os ataques dos lobos causaron case que un cento de baixas de gando na provincia de Ourense. Pero os gandeiros aseguran que son moitos máis porque, nas máis das ocasións, xa non presentan denuncia polos problemas administrativos aos que teñen que facer fronte.

A creación desta plataforma de afectados polos ataques do lobo permitiría ao colectivo dos gandeiros demandar máis protección ante as autoridades. Aseguran que se continúa esta situación algunhas explotacións deixarán de ser rendibles.

Os problemas orixinados co gando polos lobos non se cinguen unicamente á provincia de Ourense. Outras zonas de Galicia, na montaña de Lugo e Pontevedra, tamén están a sufrir ataques de cánidos que provocan numerosas baixas aos criadores de carne de ovino e vacún.

FUENTE: TVG