14/3/16

MEDIO AMBIENTE INICIA A TRAMITACIÓN DE LEI DE PROTECCIÓN E BENESTAR DOS ANIMAIS DE COMPAÑÍA EN GALICIA

O Consello da Xunta deu o visto e prace ao anteproxecto de lei que prevé tipificar de infracción grave o maltrato animal no só na súa representación como violencia; senón tamén por someter os animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables.
  • A nova lei potencia e facilita a adopción dos animais abandonados coa creación da figura dos fogares de acollida
  • O texto incorpora, ademais, como prohibición expresa, determinadas mutilacións nos animais que se realizan en ocasións co fin de manter unhas características dun tipo racial ou estéticas
  • O Consello da Xunta na súa reunión desta mañá aprobou o anteproxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia que prohibe o emprego de todo tipo de trebellos destinados a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lles produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal.

Esta é unha das medidas que recolle esta nova normativa, redactada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que inicia agora a súa tramitación. Un dos principais obxectivos é loitar e evitar o maltrato animal, no só na súa representación como violencia extrema; senón tamén noutras formas de manifestación, tales como someter os animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables, o seu emprego en espectáculos prohibidos ou noutros nos cales non é posible garantir o cumprimento dunhas condicións mínimas de benestar.

O texto normativo presentado hoxe estrutúrase en 49 artigos, divididos en 9 títulos, 6 disposicións adicionais, 2 transitorias, 1 derrogatoria e 2 disposicións finais. Á marxe dos cambios na división do texto, as principais modificacións na estruturación do texto baséanse nunha división mais sinxela e nítida das distintas materias que se regulan, definindo claramente o concepto de animal de compañía, que comprende tanto aos animais domésticos como aqueles animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos aos produtivos, sexan ou non potencialmente perigosos en ambos os casos. Neste sentido desaparece o concepto de animais salvaxes en catividade substituído polo termo animais silvestres mantidos en catividade, dos que será necesario acreditar a súa orixe legal, coas especificacións (autorización previa) no caso de tratarse de exemplares de animais pertencentes a especies autóctonas ou ás declaradas como exóticas invasoras.

En consecuencia, esta normativa non será de aplicación aos animais destinados ao aproveitamento produtivo, aos pertencentes á familia dos équidos domésticos, aos empregados en calquera espectáculo taurino, aos animais silvestres no medio natural e aos empregados para experimentación.

Outro dos retos que se pretende paliar é o abandono de animais domésticos, que orixina un grave problema nos centros municipais de recollida de animais abandonados; polo que a nova lei potencia e facilita a adopción dos animais abandonados, de xeito que o sacrificio sexa o último recurso ao teren fallado as posibilidades anteriores e que sempre deberá ser prescrito e efectuado por un profesional veterinario. Unha das medidas que destacan é a creación de fogares de acollida, cun réxime de acollemento temporal en que se garanta o coidado, a atención e as condicións hixiénico- sanitarias que precise e estará condicionado á devolución inmediata do animal no caso de que aparecese un adoptante definitivo válido, polo que se prohibe a adquisición de animais de compañía por menores de 16 anos.

A norma introduce a obriga de identificación en todos os casos dos animais de compañía de especie canina, mediante un microchip e a inscrición do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac); unha medida que axudará a minorar a lacra do abandono, xa que resultará máis sinxelo identificar o titular do animal.

Neste obxectivo é moi importante o labor que desenvolven en materia de protección e benestar animal as asociacións de defensa e protección dos animais, que deberán inscribirse no Rexistro Galego de Asociacións, dada a importancia do labor que desenvolven, polo que se prevé a posibilidade de declaralas como entidades colaboradoras da Xunta de Galicia e, de ser así, poden subscribir convenios de colaboración con especial énfase na divulgación e educación para a tenza destes animais.

Por outra banda, a normativa actual (Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade) non recolle como prohibición expresa determinados feitos e condutas no coidado e tratamento dos animais domésticos que na actualidade son socialmente inadmisibles e que deben ser prohibidos, como son determinadas mutilacións nos animais (cortes de orellas, rabos...) co fin de manter

unhas características dun tipo racial ou estéticas. De aí que Galicia incorpore este tipo de mutilizacións como prohibición expresa no novo texto lexislativo, para ser acorde co disposto no Convenio europeo sobre protección de animais de compañía ETS 125, cuxa sinatura por parte de España foi autorizada por Acordo do Consello de Ministros do 25 de setembro de 2015.

En relación cos animais potencialmente perigosos, ademais de establecer o seu concepto e de concretar as razas de can que teñen tal consideración, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder obter un can desta categoría, can que deberá ser inscrito no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

Na nova lei tamén se establece un artigo sobre as aves de presa en catividade, para as cales será necesario obter previamente unha autorización administrativa concedida pola consellería competente, á vez que deberán ser identificadas individualmente con microchip ou anela e inscribirse na sección correspondente do Regiac.

Divulgación, educación e formación
Prestar especial atención á divulgación e educación e formación de protección ambiental facendo fincapé en que a tenza responsable é o mellor e principal instrumento para prever o abandono e o maltrato animal. Neste sentido, a Xunta divulgará o contido desta lei entre os escolares e cidadáns e velará pola inclusión de contidos relacionados coa protección animal nos programas educativos que se desenvolvan no seu ámbito territorial.

Tamén se promoverá a realización de campañas de formación destinadas ás persoas propietarias e posuidoras de animais, co fin de garantir unha tenza acorde coas súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas e obter unha óptima inserción e convivencia dos animais no medio.

Comité Consultivo para a Protección Animal
A nova lei recolle a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, como órgano de estudo, consulta e asesoramento adscrito á Consellería competente en materia de protección animal. Non obstante, o Consello Galego de Protección de Animais domésticos e salvaxes en catividade seguirá en funcionamento en tanto en canto non se publique o desenvolvemento regulamentario do novo comité consultivo.

As funcións que terá son a emisión de informes e ditames, así como a realización de estudos que solicite a Administración competente; e promover estudos de planificación e coordinación nesta materia.

A súa composición deberá garantir a presenza de todas as consellerías que gardan relación con esta materia, da Federación Galega de Municipios e Provincias, das asociacións de protección e defensa dos animais, do Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como das entidades de carácter ambiental.

Réxime de inspección e sancións
O título VIII da nova lei determina as competencias da Xunta e dos concellos nas labores de inspección, control e vixilancia, polo tanto, os servizos veterinarios oficiais da Xunta serán competente na comprobación do cumprimento dos requisitos en materia de sanidade e protección animal, saúde pública e ambiente. Tipifícanse as distintas condutas que constitúen unha infracción como leves, graves ou moi graves e incorpóranse como infracción novas accións ou omisións que non estaban recollidas na Lei 1/1993, do 13 de abril, sobre a venda ambulante, mutilación de animais, e a non identificación dos animais. Unha das novidades do réxime de sanción é a posibilidade de rebaixar o importe no suposto de terse corrixido a situación creada antes de que remate o procedemento administrativo sancionador.

Mantéñense os importes de sanción que está fixados na lei en vigor e no caso de que o cumprimento das obrigas corresponda a varias persoas conxuntamente, así como cando non sexa posible determinar o grao de participación das distintas persoas físicas ou xurídicas, a responsabilidade será solidaria.

Deste xeito, cando se celebrasen espectáculos prohibidos incorrerán en infracción administrativa non só os seus organizadores, senón tamén as persoas que cedesen, por calquera título, terreos, locais ou animais, así como os participantes.

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO O 3DE MARZODE 2016, DE 2016, DE 2016, BAIXO A PRESIDENCIA DO BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO