26/1/16

Propostas de O-Xan para a implantación e mantemento de medidas preventivas de ataques de lobo

     O-Xan é un grupo aberto de opinión para a xestión dialogada do lobo en Galicia. Está integrado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF, UUAA) e gandeiros a título individual, empresas do sector (Beealia), cazadores (UNAC, UNITEGA), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores (CIAM, USC, Universidade de Oviedo) e técnicos vinculados coa xestión e conservación do lobo en Galicia.

     Dende O-Xan consideramos que a prevención é unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandería  coa presenza e a conservación do lobo en Galicia. Máis aínda, o lobo tamén depende, en certa medida, da existencia de gando para a súa supervivencia, polo que é un deber da sociedade en conxunto contribuír á continuidade das explotacións.

     Por todo isto hoxe, mércores día 27 de Xaneiro, O-Xan fixo entrega na Consellería de Medio Ambiente dunha serie de propostas para o fomento da adopción de medidas preventivas do ataque de lobo, xa que dende o 2012 non se realiza ningunha acción por parte da Consellería. Deste xeito, contribuiríase ao mantemento da gandería extensiva e do pastoreo, tan necesarios para o mantemento da poboación rural e da paisaxe galega.

A Proposta de Axudas Preventivas do Ataque do Lobo céntrase en catro liñas básicas:

1.      Adquisición e mantemento de mastíns para a garda e protección dos rabaños.

2.      Fomento do emprego de mallas fixas electrificadas (con malla ovelleira, postes de madeira tratada e arames electrificados).

3.      Fomento do emprego de mallas móbiles electrificadas.

4.      Compra de pastores eléctricos para a electrificación de mallas fixas e móbiles.

     Co informe aportado á Consellería preténdese establecer unha liña aberta de diálogo, traballo e colaboración que poida apostar de xeito decidido para tratar de evitar as mortes de gando, que merman considerablemente as capacidades produtivas das explotacións e conlevan un rexeitamento do lobo. Debemos tratar de buscar un punto de equilibrio que permita mudar a visión negativa, por parte do gandeiro, cara á convivencia con estes predadores.

     O-Xan agarda a boa acollida, por parte dos representantes da Consellería de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, das aportacións realizadas entre todos os membros integrantes do grupo para poder iniciar, coa maior brevidade posible, unha serie de xuntanzas que posibiliten a articulación e posta en funcionamento destas medidas con cargo aos orzamentos aprobados no novo PDR para o período 2015-2020.

     Queremos salientar que na actualidade non existe ningún apoio ás medidas de prevención,  xa que levan paralizadas dende o ano 2012. Neste senso, entre os anos 2006 e 2009 estivo en funcionamento un convenio xestionado pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia coa Consellería de Medio Rural, coñecido como Convenio de Mastíns, cunha contrastada efectividade. A paralización do mesmo, provocou un aumento anual continuo tanto no número de ataques sufridos, como no número de animais mortos, feridos e desaparecidos.

     Consideramos que agora é o momento propicio para que esta tendencia por fin sexa corrixida e se aposte decididamente dende a Administración pola promoción da prevención e a posta en valor da función do gandeiro no entorno no que vive. A Consellería ven de aprobar as indemnizacións por danos de lobo ao gando que, sendo absolutamente necesarias, constitúen medidas paliativas unha vez sufrido o ataque, polo que non abordan o problema na súa orixe. Por esta razón, consideramos que é fundamental que sexan complementadas con medidas preventivas que diminúan a frecuencia dos ataques dos lobos ao gando, é dicir, axudas que permitan ás explotacións reducir a vulnerabilidade do seu gando fronte aos ataques dos lobos.