20/4/15

GALICIA E OUTRAS SEIS COMUNIDADES ASINARÁN UN CONVENIO PARA A POSTA EN MARCHA DE LICENZAS INTERAUTONÓMICAS DE CAZA E PESCA

 O Consello da Xunta aprobou hoxe (16/4/2015) o texto do convenio que a Xunta asinará cos
gobernos de Castilla- La Mancha, Castilla y León, Extremadura, Madrid, Aragón, Asturias e a Administración xeral do Estado
  • A emisión destas licenzas interautonómicas evitará que os cidadáns teñan que repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade autónoma onde desexen realizar estas actividades
  • O titulares da licenza única interautonómica poderán exercer o seu dereito no territorio de calquera das comunidades autónomas asinantes, respectando a lexislación vixente en cada unha delas
  • As autorizacións interautonómicas convivirán coas licenzas autonómicas que habilitan para realizar estas prácticas en Galicia
O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá o texto do convenio de colaboración entre as administracións das comunidades autónomas de Castilla- La Mancha, Castilla y León, Extremadura, Madrid, Aragón, Galicia e Asturias e a Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para todos os seus territorios.

Este convenio persegue fundamentalmente a simplificación do procedemento administrativo para a emisión das licenzas administrativas preceptivas para o exercicio da caza e da pesca nas distintas comunidades autónomas. A harmonización nun único documento evitará que os cidadáns teñan que repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade autónoma onde desexen realizar estas actividades, á vez que isto redundará nunha maior eficacia administrativa e eficiencia do gasto en cada unha das administracións que subscriben o convenio.

Actualmente, os cidadáns que queiran practicar a caza ou a pesca nos territorios de máis dunha comunidade autónoma, deben obter a licenza administrativa correspondente para cada actividade en cada unha das comunidades.

Coa proposta incluída neste convenio de colaboración, os titulares da licenza única interautonómica poderán exercer o seu dereito no territorio de calquera das comunidades autónomas asinantes, respectando, en todo caso, a lexislación vixente en cada unha delas. Isto supón unha significativa simplificación dos procedementos administrativos, o que redundará, por un lado, nos propios cidadáns, e permitirá, por outro, a optimización na xestión e no emprego dos recursos públicos.

O convenio terá efectos desde o día da súa sinatura e permanecerá vixente por un período de dez anos contados desde a data da sinatura. Poderán establecerse prórrogas automáticas por iguais prazos, salvo renuncia das partes. A validez da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais será dun ano, contado a partir do día da súa expedición.

As autorizacións interautonómicas convivirán coas licenzas autonómicas que habilitan para realizar estas prácticas en Galicia.