24/3/15

Patrocinio Morrondo, distinguida coa insignia de prata da ACE polos seus estudos sobre o estado sanitario do corzo


A catedrática de Sanidade Animal da USC recolleu o galardón en Madrid, no marco da feira Cinexética, onde a Asociación do Corzo Español celebrou a súa asemblea xeral.


A catedrática de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC e profesora na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, Patrocinio Morrondo Pelayo, vén de ser distinguida coa insignia de prata da Asociación do Corzo Español (ACE), unha entidade xurdida co ánimo de contribuír ao mellor coñecemento do menor dos cérvidos europeos e que centra o seus intereses na promoción de estudos e investigacións sobre o corzo, así como na mellora da súa xestión, conservación e caza destes animais silvestres.

A concesión deste premio por parte da ACE á profesora Patrocinio Morrondo constitúe un recoñecemento ao traballo e ás investigacións desenvolvidas pola catedrática da USC ao longo dos últimas décadas sobre o estado sanitario do corzo en España e, nomeadamente, aquelas que afectan á situación destes animais silvestres en Galicia.

Patrocinio Morrondo, quen recolleu o premio no marco da asemblea xeral da Asociación do Corzo Español desenvolvida en Madrid ao abeiro da feira de caza Cinexética, manifestou publicamente o seu agradecemento por un recoñecemento que fixo extensible a todas as persoas que integran o grupo Investigación en Sanidade Animal en Galicia (Invesaga) da USC, xa que “sen as súas contribucións e sen a dedicación de todas as persoas do Invesaga, esta distinción non tería sido posible”, dixo.

O grupo Invesaga da USC está coordinado polo catedrático da USC Pablo Díez Baños e forman parte del os profesores na Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández, Rosario Panadero, Ceferino López e Pablo Díaz, ademais da bolseira postdoutoral María Sol Arias, e Ana Pérez, Alberto Prieto, Eva Cabanelas e José Manuel Díaz, en calidade de investigadores bolseiros pre doutorais.

O cometido investigador desenvolvido polo grupo Invesaga da USC desde hai máis de dúas décadas sempre estivo ligado ao estudo e á investigación de enfermidades infecciosas e parasitarias que afectan a animais de renda e de compañía en Galicia. Neste contexto, Patrocinio Morrondo é a responsable dos estudos e investigacións das enfermidades infecciosas que afectan a ruminantes silvestres, así como das implicacións destas patoloxías nos ruminantes domésticos e nas propias persoas (zoonosis).

O desenvolvemento dos estudos e das investigacións da doutora Morrondo distinguidas pola Asociación do Corzo Español foi posible grazas ao financiamento captado por esta investigadora da USC en distintas convocatorias públicas de proxectos nacionais e autonómicos, así como a través de contratos con administracións públicas e tamén coa propia Asociación do Corzo Español.
A profesora Patrocinio Morrondo dirixiu tres teses de doutoramento e seis memorias de licenciatura sobre infeccións que afectan a estes ungulados silvestres. Esta investigadora da USC é tamén coautora dun importante número de artigos publicados en revistas indexadas no primeiro cuartil de Ciencias Veterinarias e, como experta no tema, ten participado como relatora en diversos congresos nacionais e internacionais, ao tempo que desenvolve un importante labor de divulgación.