22/10/14

Medio Ambiente traballa nun plan técnico para a xestión do xabaril, que prevé o estudo das poboacións para o deseño de medidas que permitan o seu control

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, destacou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traballa nun plan técnico para a xestión do xabaril que inclúe, entre outras actuacións, unha revisión das estimas poboacionais e que servirá de base para o deseño das medias necesarias para un axeitado control das poboacións.

Tellado interveu esta mañá na Comisión Parlamentaria 7ª na que engadiu que outras medias que se inclúen son o manexo axeitado da especie e os seus hábitats, unha mellora na xestión dos tecores e das zonas libres de caza, así como a protección a cultivos e pastos. Aclarou que, coa finalidade de axilizar e actuar coa maior rapidez na toma de medidas, os Servizos Provinciais están actuando coordinada e directamente co sector agrogandeiro.
Explicou que no caso do xabaril incrementouse notablemente a presión cinexética nos últimos anos e os datos de capturas demostras o esforzo que se leva feito para frear a súa expansión, xa que na tempada 2007/2008 rexistráronse 7.452 exemplares; mentres que na última tempada (2013/2014) superáronse os 15.000 exemplares. Tamén salientou o feito de que incrementara o período hábil de caza (case un mes e medio dende 2001) e tamén que se permite a súa caza por danos fóra do período hábil establecido.
Segundo os datos que rexistra a Dirección Xeral ao longo de 2014 os avisos por danos provocados polo xabaril foron reducíndose; mentres que os ataques de lobo manteñen un número constante. Nos últimos anos amósase unha tendencia de aumento significativo nos danos provocados polo oso, principalmente a colmeas .
No caso do lobo, puntualizou, hai que ter en conta que se trata dunha especie de interese comunitario, polo que se opta por buscar unha xestión que permita acadar o obxectivo de manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividade agropecuarias, que contribúa á conservación da especie. Recorda que conta cun plan de xestión específico no que se permite a caza como medida de xestión.
Non obstante, a Xunta de Galicia leva destinado un orzamento de 1,7 millóns de euros para paliar os efectos da fauna silvestre, en concepto de axudas por danos, medidas preventivas e pagos directos por responsabilidade patrimonial dende 2009.
Fondo de corresponsabilidade 
A directora xeral sinalou que unha das principais novidades incorporadas á nova Lei de Caza foi o Fondo de corresponsabilidade, co que se contribuirá ao soporte das cargas que a responsabilidade polos danos ocasionados pola fauna salvaxe leva aparellada.
Salientou que o Goberno é consciente da gran conflictividade social que ocasiona a fauna silvestre e non é alleo a este problema, polo que traballa e emprega todos os medios técnicos e posibles para buscar solucións.
Rematou afirmando que se debe conxugar as actuacións de control coa sustentabilidade destes recursos, de xeito que se logren unha poboacións equilibradas que non supoñan unha grave problema para as economías rurais pero tampouco para os ecosistemas nos que se integran.