2/1/12

A nova Lei de caza que promove Medio Rural prima a función ambiental, social e de desenvolvemento da actividade cinexética


A nova lei de caza de Galicia que promove a Consellería do Medio Rural prima a función ambiental, social e de desenvolvemento rural da actividade cinexética, que se contempla como un instrumento da máxima utilidade para a conservación do medio natural e o control das poboacións silvestres. Así o explicou o propio conselleiro Samuel Juárez na presentación deste anteproxecto de lei, que xa recibiu o visto e prace do Consello da Xunta e que, unha vez sexa analizado polo Comité Galego de Caza, entrará na fase de exposición pública.
Segundo explicou o titular de Medio Rural –que estivo acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón–, con esta norma búscase responder á realidade actual da caza en Galicia, partindo de que a Lei de caza galega de 1997 resulta hoxe en día insuficiente para facer fronte ás fondas transformacións sociais, biolóxicas e mesmo cinexéticas experimentadas nos últimos anos. Procúrase tamén unha harmonización normativa con outras comunidades autónomas, de tal xeito que o marco lexislativo español sobre a caza sexa o máis uniforme posible. 

En relación coa función social e ambiental da caza, Samuel Juárez explicou que a nova lei contempla esta actividade como unha ferramenta clave á hora de xestionar as poboacións das diferentes especies e, por extensión, o medio natural. De feito, engadiu, “non se pode xestionar o medio dun xeito máis eficaz que coa caza”. Outra das novas ideas plasmadas nesta norma é a de entender a caza como un instrumento para o desenvolvemento rural de Galicia, así como para a dinamización económica deste eido.
Como principais obxectivos do texto elaborado por Medio Rural, Samuel Juárez destacou o de acadar unha caza máis sostible, ética e responsable; mellorar a seguridade das persoas e os bens; dinamizar o medio rural; fomentar o relevo xeracional e facer unha regulación máis precisa desta actividade.
Regulación máis precisa
O titular de Medio Rural salientou que por primeira vez a normativa galega define claramente que é un cazador, especificando os seus deberes e responsabilidades, así coma o que é cazar e o que non, evitando así problemas na interpretación da normativa ao respecto.
Conceptúanse, ademais, as especies que son obxecto da caza e clasifícanse os terreos, distinguindo entre os que son cinexéticos e os que non (dentro destes últimos figuran, como novidade, os refuxios de fauna). En relación coa seguridade, que é un dos principios reitores desta lei, regúlase polo miúdo o uso de armas e municións, deixando ben claro cales se poden utilizar e cales non, segundo modalidades, especies, etc. Juárez explicou tamén que, dentro desta maior precisión na regulación da actividade cinexética, inclúense novas modalidades de caza.
Novidades da lei
Na procura dunha mellora dos instrumentos de conservación e control, o novo texto legal elaborado pola Consellería define con claridade os vedados de caza, autorizándose a xestión cinexética dos mesmos. Ata o de agora nos terreos vedados estaba totalmente prohibido cazar e isto provocaba que estas zonas se converteran en verdadeiras “reservas” para os depredadores. Agora permítese xestionar estes vedados, sempre previa autorización, co fin de conseguir que sirvan para o que foron deseñados, en relación coas necesidades de protección e control de cada un dos tecores. Con este mesmo obxectivo flexibilízanse tamén os períodos hábiles.
Na lei dáse un impulso especial ás explotacións cinexéticas comerciais, que se contemplan como un instrumento de interese para facer rendibles económica e socialmente os espazos cinexéticos e promover o aproveitamento socioeconómico e ambiental por parte das poboacións das áreas de influencia dos mesmos. A norma redefine tamén as modalidades de caza, adaptando a lexislación ás tipoloxías mais propias de Galicia e introducindo, como novidade, a “caza en tobo”. Ao tempo, defínense con mais concreción a cetrería e a caza con arco. Outra das novidades destacadas polo conselleiro é a rebaixa da idade mínima para ter a licenza de caza, que pasa dos 16 aos 14 anos. Con esta medida procúrase, tal e como explicou Juárez, a continuidade da actividade cinexética como beneficio social e ambiental, inculcando os seus valores á xente nova (reconciliación coa natureza, amizade, colaboración, solidariedade, coidado do medio, etc.).
Fondo de Corresponsabilidade
O conselleiro do Medio Rural destacou como unha das principais achegas desta lei a constitución dun Fondo de Corresponsabilidade para facer fronte á problemática dos danos que causan as especies cinexéticas. Este fondo permitirá a participación de tódolos axentes (titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, cazadores e administracións) no reparto de cargas, así como a dotación de fondos finalistas.
En relación con este tema, Juarez destacou o papel activo e a contribución da Consellería á reforma da normativa no ámbito estatal, lembrando que foi Medio Rural a que promoveu e capitaneou un cambio legal que permita repartir esa responsabilidade e que non corresponda unicamente aos cazadores, como ocorre ata o de agora. A modificación refírese en concreto aos danos relacionados co Tráfico e xa foi aprobada pola Comisión estatal de Biodiversidade, faltando unicamente que dea o seu visto e prace o Ministerio do Interior, como departamento competente na materia.