14/1/12

A Consellería de Medio Ambiente amplía un mes o período de alegacións ao borrador da nova Lei de Caza


Santiago, 13 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ampliará un mes o período de información pública, no que os axentes económicos e sociais poderán presentar alegacións ao borrador do anteproxecto da nova Lei de Caza. O período de información pública publicouse no DOG o pasado 9 de xaneiro cun prazo de alegacións de un mes, que agora amplíase ata dous a petición do sector.
O texto legal recoñece a dimensión ecolóxica e ambiental desta actividade, ao tempo que se proxecta a figura do cazador como clave na administración do monte galego. Así o puxo de manifesto esta tarde o conselleiro de Medio Ambiente, territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, acompañado polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, na reunión do Comité Galego de Caza, onde presentou aos axentes do sector o novo texto legal elaborado pola Xunta de Galicia e que na actualidade se atopa en período de información pública.
Aclarou que o propósito da Xunta é escoitar todas as voces coñecedoras da materia coa máxima atención, para facer xuntos un marco legal estable, seguro e dinamizador da caza.
Sinalou que esta norma é necesaria, non só para actualizar unha normativa que data de 1997, senón tamén para avanzar un paso máis no obxectivo de regular e ordenar a caza. Trátase de dar unha resposta á realidade actual da caza de Galicia, onde máis dun 80% do territorio da comunidade é cinexético. As cifras da caza na Comunidade galega revelan que na actualidade hai 440 tecores, cunha superficie mínima de 2.000 hectáreas, un tamaño moi superior a outras partes de España que están entre as 200-300 has; e existen preto de 50.000 licencias de caza. Na súa opinión, esta lei non só mellorará a normativa, senón que tamén permitirá adaptarse á realidade.

Argumentou que xustamente nesta tarefa de ordenar o aproveitamento cinexético galego, o cazador é unha peza clave, polo que a lei define a súa figura (quen exercita a acción de cazar, reunindo os requisitos legais para iso), co establecemento dos seus deberes e as responsabilidade que asume, e as condicións para a obtención da licenza de caza; ao tempo que asegura que o cazador debe ser considera como parte da solución, non como un problema. Explicou que no caso de que os cazadores se retiren e tamén se non hai relevo xeracional, a proliferación de especies sería moito maior e sen ningún tipo de control, polo que os danos serían sumamente cuantiosos. Así pois, o labor dos cazadores redunda no fundamental equilibrio ecolóxico, reiterou.
Fondo de Corresponsabilidade
Unha das grandes achegas desta nova lei é a constitución dun Fondo de Corresponsabilidade, que permitirá a participación de todos os axentes no reparto de cargas e a dotación de fondos finalistas, é dicir, titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, cazadores e administracións, así como o reparto máis xusto da responsabilidade patrimonial polos danos que causen as especies cinexéticas.
Este é un dos motivos de preocupación dos cazadores e por extensión da sociedade en xeral, destacou Hernández. O devandito fondo nutrirase coas achegas económicas da Administración Autonómica, provenientes das taxas que proceden da actividade cinexética.
Función Social
Outro dos principios que inspiran esta nova Lei de Caza é a posta en valor da función social, xa que non se trata dun deporte máis, equiparable a outros deportes, posto que a actividade cinexética ten unha gran transcendencia á hora de xestionar as poboacións das diferentes especies e o medio natural.
A caza é un dos xeitos máis eficaces para xestionar o medio, de aí a que a lei responde ao labor fundamental dos cazadores a favor do mantemento das poboacións e do medio natural, contemplando a actividade da caza desde un enfoque social, compatible co aproveitamento cinexético e o desenvolvemento rural.
Ordenación da caza
Na lei (capítulo III) se fai referencia á ordenación e aos aproveitamentos cinexéticos, onde se di expresamente que os titulares dos Tecor deberán presentar obrigatoriamente un Plan de Ordenación Cinexéticos para un período mínimo de 5 anos, polo que constituirá unha norma a partir da cal se desenvolverá ordenadamente a actividade cinexética, dentro do marco dos períodos hábiles e xerais. Deste xeito, mellorase a xestión dos terreos e evítase a complicación na tramitación burocrática, ao non coincidir no tempo a renovación do Plans de ordenación de todos os Tecores. Tamén deberán presentar un Plan Anual de Aproveitamento Cinexético que desenvolva as previsións contidas no Plan de Ordenación para cada tempada.
En definitiva, apóstase por unha caza máis sostible, máis ética e máis responsable; na que por riba doutros valores primen o da seguridade das persoas e os bens, así coma o respecto á conservación das especies e dos seus hábitats e o equilibrio ecolóxico. Un lei que nas súas palabras é 100% galega, ademais de ser participativa e de consenso, xa que pretende recoller todas as sensibilidades.
Outros aspectos
No Comité galego de Caza abordáronse outros aspectos recollidos na Lei como a clasificación dos terreos, distinguindo os que son cinexéticos e os que non; a definición dos vedados de caza, nos que se autoriza a xestión cinexética dos mesmos. Ata o de agora estaba prohibido cazar, polo que estas zonas se converten en reservas para os depredadores, que atacaban outras especies e causaban danos. Agora permítese xestionar estes vedados, sempre con previa autorización.
As modalidades de caza que recolle o novo texto normativo foi outro dos puntos tratados nesta reunión, para explicar que se introduce como novidade a caza en tobo (madriguera) e defínese con máis concreción dúas modalidades ordinarias da actividade deportiva, como son a cetraría e a caza con arco.