24/12/11

MEDIO RURAL IMPULSA UNHA NOVA LEI DE CAZA DE GALICIA PARA ADAPTALA Á REALIDADE DA ACTIVIDADE CINEXÉTICA



O Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio do trámite do anteproxecto de Lei de caza de
Galicia, por proposta da Consellería do Medio Rural, para adaptala á realidade da
actividade cinexética actual, onde a caza menor -maioritaria hai uns poucos anos- cedeu
protagonismo á caza maior. Unha lei de calado social e ambiental, que persegue unha
caza máis responsable, conxugando a sustentabilidade desta actividade en harmonía co
medio natural en que se desenvolve.

Coa nova lei, a Consellería do Medio Rural busca mellorar a calidade dos instrumentos
de ordenación desta actividade. Deste xeito, reformaranse aspectos que permitan facer
máis clara e rigorosa a súa aplicación práctica (licenzas de caza, autorizacións,
solicitudes, etc).

Neste contexto, dado que a superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80% do
territorio galego, a caza cobra actualmente un singular protagonismo como ferramenta
versátil que permite a adecuada xestión e necesario control de determinadas poboacións
de especies silvestres en espazos definidos. O obxectivo é lograr un equilibrio ecolóxico
entre o desenvolvemento desta actividade, o papel dos cazadores e os demais usuarios
do monte; outorgando unha maior seguridade a este espazo de convivencia.  

Por tanto, a través desta norma afóndase na seguridade da actividade cinexética, non
só para os cazadores senón tamén para o conxunto de cidadáns que, dun xeito ou
outro, utilizan e aproveitan os territorios do monte galego.

Cómpre remarcar que a nova lei prevé a necesidade de flexibilizar as normas para a caza
de especies de caza maior no caso de xeración de danos. Así, trátase de conseguir unha
distribución máis xusta da responsabilidade polos danos causados. O réxime
sancionador será claro e conciso.

Antecedentes 
A Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, aínda que modificada parcialmente
pola Lei 6/2006, do 23 de outubro, non puido facer  fronte ao conxunto de novas
realidades que formula o exercicio da caza na actualidade. Nestes poucos anos aquela
lei quedou desfasada, xa que o medio experimentou un cambio substancial e con el a
propia actividade cinexética. Actualmente faise necesaria unha lei nova, que non só
mellore a anterior senón que ademais saiba adaptarse á realidade


Galicia experimentou diversos cambios nas estruturas familiares agrarias, tanto no modo
de producir coma nos cultivos agrícolas e forestais. Estes cambios mudaron dun modo
substancial os compoñentes do territorio e, polo tanto, as condicións dos hábitats, que
derivaron no incremento das poboacións dalgunhas especies, en detrimento doutras.
Ademais diso, a caza móstrase como un instrumento de grande interese para o
desenvolvemento económico de amplas zonas do noso territorio, non só pola entidade
dos recursos que promove, que poden ser moi elevados, senón porque o fai nun medio
social en que resulta especialmente interesante crear riqueza, dadas as poucas
alternativas produtivas, e pode poñer freo así ao despoboamento da poboación rural.

Outras novidades 
Outro punto que hai que destacar con esta lei é a creación dunha figura nova, o Fondo 
de Corresponsabilidade, expresiva da solidariedade na repartición das cargas derivadas
polos danos que causan as especies cinexéticas. Neste reparto compre nomear a
Administración, os tecores (terreos cinexeticamente ordenados) e a cidadanía en xeral.
Deste xeito, adquire unha significación especial a problemática que provocan os danos
que causan as especies silvestres, non só no ámbito agrario senón tamén no da
circulación viaria.

Coa nova reforma, incídese dun xeito destacado na regulación de explotacións 
cinexéticas como instrumento de desenvolvemento rural. Estas son chamadas a ser un 
mecanismo dinamizador da economía rural, co compoñente empresarial que busca na 
rendibilización dos recursos da caza un medio para o impulso económico do medio rural.  

Mellora da oferta cinexética 
Nestes últimos anos fíxose un considerable esforzo para incrementar a calidade da nosa
caza e para mellorar os seus hábitats. Afondouse no coñecemento e seguimento de
varias especies e identificáronse os patróns xenéticos das especies cinexéticas
autóctonas, co fin de mellorar as poboacións e con ela a oferta da nosa comunidade.

FONTE: XUNTA DE GALICIA