6/8/11

Medio Rural intensifica o control do uso de solos queimados coa planimetría GPS de tódolos incendios forestais de 2010

Santiago, 5 de agosto de 2011.- A Consellería do Medio Rural está a intensificar e mellorar o control do uso de solos queimados a través da planimetría, realizada con GPS, de tódolos incendios forestais rexistrados durante o ano 2010. Medio Rural ven de facilitar ás diferentes administracións e organismos con competencias na materia toda esta información. A base de datos (cuxa difusión a tódalas entidades e organismos interesados vaise sistematizar a partir de agora) está agrupada por provincias, distritos forestais, concellos e tecores (terreos cinexéticos). O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, xunto co director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, explicou esta medida no mesmo Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais, situado na sede da Dirección Xeral de Montes, en Santiago.

Toda esta información se lles achega á Delegación do Goberno en Galicia; aos diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado; á Fiscalía Anti-incendios; á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural; á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Ordenación do Territorio e Urbanismo, Sostibilidade e Paisaxe, e Augas de Galicia) e a outras entidades, caso do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).
Este sistema permite que os lumes permanezan visibles malia que se rexenere a cuberta vexetal, xa que está perfectamente delimitada tanto a súa localización exacta coma o seu perímetro, mediante GPS. O feito de dispor de todos estes datos en formato dixital supón ademais que se pode trasladar a calquera outro sistema de información xeográfica (Catastro, Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, etc.), cos que é perfectamente compatible.
Limitacións
A normativa vixente regula tanto os cambios de uso en terreos forestais queimados como as actividades que se poden practicar en solos afectados polos incendios. Así, establécense limitacións á aradura destes terreos; ao aproveitamento de madeira queimada como as actividades que se poden practicar en terreos afectados polos incendios. Así, por exemplo, establécense limitacións ao pastoreo, prohibíndose este uso con carácter xeral –poden establecerse certas excepcións– nun prazo mínimo de dous anos a partir da data en que se produza o incendio e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborada o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa.

Na lexislación tamén se establecen limitacións á actividade cinexética, de tal xeito que os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período de tres anos desde a data do lume, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellería competente en materia forestal. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética.
Ademais, a normativa en vigor prohibe o cambio de uso en terreos forestais queimados (por exemplo, para edificar) no prazo de 30 anos. É evidente, sinalou Juárez, que tendo en conta os referidos prazos, dun máximo de 30 anos para o cambio de usos e de entre 2 e 3 para o pastoreo e a caza, respectivamente, a xeorreferenciación dos lumes vía GPS convértese nunha ferramenta de gran utilidade para o control destas actividades.
Centro de Coordinación
No propio Centro de Coordinación, o conselleiro do Medio Rural, o director xeral de Montes e os técnicos especialistas desta Dirección Xeral explicaron polo miúdo aos representantes dos medios de comunicación o funcionamento dos servizos de loita contra os lumes forestais, dende que se recibe un aviso ou unha chamada no 085 (número gratuíto de aviso de incendios forestais) ata que o lume é finalmente extinguido.
Desde este Centro, coma o seu propio nome indica, coordínase, supervísase e diríxese o operativo de loita contra os incendios forestais, sempre en comunicación cos centros de coordinación das catro provincias galegas e os 19 distritos nos que se estrutura o territorio forestal da Comunidade (5 nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense e 4 en Pontevedra). Estes distritos, numerados do 1 ao 19, son os seguintes: Ferrol, Bergantiños-Mariñas Coruñesas, Santiago-Meseta Interior, Barbanza e Fisterra (na Coruña); A Mariña, Fonsagrada-Os Ancares, Terra de Lemos, Lugo-Sarria e Terra Chá (en Lugo); O Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia (en Ourense); e Deza-Tabeirós, O Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés (en Pontevedra).
Nas instalacións do Centro de Coordinación Central traballan traballan entre 3 e 5 operarios (técnicos e emisoristas), en situación de normalidade, podéndose ampliar o número de efectivos segundo as necesidades. Desde este posto de mando xestiónase a distribución dos medios de extinción do lume –especialmente os aéreos– en función das necesidades, valorando sempre o número de avións e helicópteros a intervir en cada momento. Tamén se encarga de reflectir as incidencias no plano xeral de situación e de mobilizar e desmobilizar os postos de mando avanzado, segundo as incidencias de cada día.
O Centro conta con diferentes ferramentas de utilidade relacionadas coas novas tecnoloxías da información e a comunicación. Unha delas é a vídeo pantalla, integrada por seis cubos de 50 polgadas cada un, unidos entre si, que ofrece imaxes de alta calidade, contraste e antirreflexos. Este video-wall captura a imaxe de calquera ordenador do centro de coordinación, ou de calquera outro accesible dende a rede de datos da Xunta de Galicia. Integra, á súa vez, as cámaras de vídeo dispoñibles en puntos estratéxicos do territorio e todas as aplicacións empregadas na prevención e defensa contra os incendios forestais.
Nestas instalacións da Dirección Xeral de Montes tamén se traballa cun sistema de posicionamento por GPS en tempo real dos medios aéreos, motobombas, maquinaria pesada, todoterreos, vixilancias móbiles e postos de mando avanzado.
Outra das aplicacións utilizadas é a Xeocode, baseada nun sistema de información xeográfica a medida, que permite a xestión de alarmas, lumes, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central. Este sistema xestiona, ademais, o envío automático de mensaxes SMS por cada lume rexistrado ás autoridades e persoal técnico correspondente.
As ferramentas de que dispón este centro permiten, tamén, a visualización da información específica sobre alarmas, lumes e recursos asignados a nivel de distrito, provincial e central. Desde o centro xestiónase, ademais, o sistema de video-vixilancia das bases de medios aéreos e outros puntos estratéxicos do territorio.
Cóntase, así mesmo, cun sistema de predición meteorolóxica e de índices de perigo de incendios para todo o territorio de Galicia, con acceso web dende calquera ordenador do Centro. Xera tamén, diariamente, o Indice de Risco Diario de Incendios (IRDI). Ademais, no que atinxe aos enlaces internos, desde estas instalacións de San Lázaro, en Santiago, mantense a comunicación permanente por radio entre os efectivos que traballan na loita contra o lume. No centro disponse de antena de comunicacións, con canle prioritario e función scanner.
Terminoloxía
Nesta visita ao Centro de Coordinación, os representantes dos medios de comunicación obtiveron tamén explicación en detalle sobre a terminoloxía utilizada no ámbito da loita contra incendios forestais, tal e como ven concretada no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2011), documento de referencia para as labores de loita contra o lume que se renova con carácter anual e que aproba o Consello da Xunta, oído o Consello Forestal de Galicia.
Así, segundo esta nomenclatura, un determinado lume forestal pode estar só en tres diferentes situacións: “Controlado”, é aquel que se conseguiu illar e deter o seu avance e propagación; “extinguido”, situación na que xa non existen materiais en ignición no perímetro do incendio e considerase que non e posible a súa reprodución e “activo”, o lume forestal confirmado, sobre o que se realizan as labores de extinción.
De acordo con estas mesmas definicións, considérase “conato” cando a superficie queimada, arborada máis rasa, sexa igual ou menor a 1 ha, sempre que o arborado queimado sexa igual ou menor a 0,5 ha, ou cando afectando só a superficie rasa esta non supere 1 ha; “incendio forestal”, cando a superficie arborada queimada sexa maior de 0,5 ha ou, no caso de que a superficie arborada sexa inferior a 0,5 ha, cando a súa suma coa superficie rasa sexa superior a 1 ha e “queima” aquel lume forestal que só afecta a superficie rasa, sendo esta maior de 1 ha.