26/5/11

O Comité Galego de Caza analizou as propostas dos comités provinciais cara á futura orde de vedas da vindeira campaña

Santiago, 25 de maio de 2011.- O Comité Galego de Caza traballou esta tarde na futura Orde da Consellería do Medio Rural que fixará os períodos hábiles da actividade cinexética para a tempada 2011/2012.
Este órgano, que preside o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, analizou as propostas dos catro comités provinciais de cara á elaboración desta norma anual, que regula, en cumprimento do disposto no artigo 42 da Lei 4/1997, de caza de Galicia, os períodos hábiles, as especies sobre as que se poderá exercer a práctica cinexética, os métodos autorizados e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio desta actividade na Comunidade Autónoma durante a vindeira campaña.
Regras
Unha vez avaliadas estas propostas, o Comité Galego elevará as súas recomendacións á consideración do director xeral de Conservación da Natureza, para que finalmente sexa o conselleiro do Medio Rural quen fixe, a través da devandita Orde anual de vedas, as regras que haberán suxeitar a práctica cinexética na nosa Comunidade durante a vindeira campaña.
No transcurso desta xuntanza do Comité deuse conta tamén das novidades normativas que no ámbito estatal se están a producir, así como das liñas mestras da reforma da lei de caza que quere levar a cabo esta Consellería.
Xabaril
Para a próxima campaña cinexética cobra unha singular importancia o control das poboacións de xabaril, para evitar ou cando menos minimizar os danos que este animal causa nos cultivos.
Os técnicos e responsables de Medio Rural informaron aos integrantes do Comité sobre as estatísticas de danos e as medidas postas en marcha pola Consellería, en colaboración cos diferentes tecores, para facer fronte aos problemas que causa esta especie, tanto na agricultura coma no tráfico rodado.