15/4/11

MODIFICACION DOS ESTATUTOS DA FEDERACION GALEGA DE CAZA

Anuncio. A Asemblea Xeral da Federación Galega de Caza celebrada en Santiago de Compostela o 24 de setembro de 2010, acordou a modificación dos artigos 20º, 21º, 27º, 71º, 76º, 82º, 83º, disposición derrogatoria e disposición derradeira dos seus estatutos, ratificados por resolución da Secretaría Xeral para o Deporte do 1-3-2011.


Artigo 20º
1. A Asemblea Xeral da FGC estará constituída polo presidente da FGC e polos representantes de todos os estamentos que integran a dita federación.
2. O número de membros da Asemblea Xeral da FGC será como máximo de 101 membros, na seguinte proporción.
-Asociacións deportivas de cazadores federadas: 60%.
-Deportistas federados: 20%.
-Xuíces e árbitros: 10%.
-Outros colectivos: 10%.
3. A representación dos estamentos terá estrutura territorial, por provincias, en proporción directa ao número de censados de cada estamento do ano inmediatamente anterior ás eleccións. No caso das asociacións deportivas aplicarase a proporción directa unha vez descontados os membros natos se os houbese.

Artigo 21º
Para ser membro da Asemblea Xeral requírese:
1. Ter a condición de cidadán de Galicia segundo o Estatuto de autonomía.
2. Ser maior de idade e estar en pleno uso dos seus dereitos civís.
3. Non estar inhabilitado por sanción acordada en procedemento disciplinario deportivo.
4. Non ter sido condenado mediante sentenza penal firme que comporte pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargos públicos.
5. Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo:
*1. Estamento de sociedades: compoñerán o estamento de sociedades todos os clubs, sociedades ou asociacións que figuren inscritas, no ano da convocatoria de eleccións, no rexistro correspondente da Federación Galega de Caza e no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, e tivesen actividade tamén na tempada anterior.
*2. Deportistas: aqueles que acrediten posesión da licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á data da convocatoria de eleccións, así como ter participado polo menos, nunha competición ou actividade.
*3. Xuíces e árbitros: aqueles que estean titulados e dispoñan de licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á data da convocatoria de eleccións.
*4. Estamento doutros colectivos: compoñerán este estamento aqueles clubs, sociedades ou asociacións que figuren inscritas no rexistro correspondente da Federación Galega de Caza e de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, e que sexan titulares de dereitos cinexéticos ou que xestionen terreos para a práctica do deporte da caza nas súas diferentes modalidades deportivas e non cumpran os requisitos exixidos para integrarse no estamento de sociedades.

Artigo 27º
A Comisión Delegada da Asemblea Xeral da FGC é un órgano colexiado de asistencia a esta e constituída no seu seo.
A Comisión Delegada estará composta de 15 membros como máximo, máis o presidente da FGC. Todos eles serán representantes da Asemblea Xeral.
A composición por estamentos da Comisión Delegada será a seguinte:
-Estamento de asociacións e clubs federados: 9 membros.
-Estamento de deportistas: 3 membros.
-Estamento de xuíces e árbitros: 1 membro.
-Estamento doutros colectivos: 2 membros.

Artigo 71º
Acordada a convocatoria de eleccións pola Asemblea Xeral e aprobado o regulamento electoral que se someterá á ratificación da Secretaría Xeral para o Deporte, o presidente procederá no prazo sinalado nel á publicación da convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral. A partir dese momento, a Xunta Directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora.
A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á Asemblea Xeral e presidente, así como do regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegurar a recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.
A comisión xestora administrará a federación, e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.
Se algún membro da comisión xestora presentase a súa candidatura á presidencia, deberá cesar naquela, antes de comezar o prazo de presentación de candidaturas.

Artigo 76º
1. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos xogos olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.
2. As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con todos os requisitos que se establecerán no regulamento electoral aprobado pola asemblea.
3. Acordada pola Asemblea Xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen asinará a citada convocatoria.

Artigo 82º
O presidente será elixido por un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren os xogos olímpicos de inverno, pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por todos os membros da dita Asemblea Xeral, logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes.
Os candidatos a presidente da FGC deberán ser membros da Asemblea Xeral, agás o presidente saínte que poderá formar parte da Asemblea Xeral se presenta a súa candidatura para a reelección, e perderá a condición de membro da asemblea no caso de non resultar elixido.

Artigo 83º
Será elixido presidente en primeira votación aquel candidato que obteña a maioría absoluta dos votos. De non obter a maioría absoluta dos votos ningún dos candidatos, poderán celebrarse ata un máximo de tres votacións. Á segunda votación pasarían aqueles candidatos que obtiveron, polo menos, o 10% dos votos na primeira; de non acadarse a maioría absoluta na segunda pasaríase á terceira e última votación entre os dous candidatos máis votados na segunda, e sería proclamado o candidato que obtivese maioría de votos.
No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, e sería proclamado presidente o único candidato.

Disposición derrogatoria
Estes estatutos foron aprobados pola asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega de Caza celebrada o 24 de setembro de 2010, e ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte o 11-3-2011.

Disposición derradeira
Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa aprobación pola Asemblea Xeral.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2011.
Javier Nogueira Diz
Presidente

PUBLICADO NO D.O.G. Nº 75 PAX. 6.807 DO 15/4/2011