7/3/11

O DOG ratificará mañá a extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia en execución do Plan de avaliación de organismos dependentes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá unha Resolución da Consellería do Medio Rural pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia e se dispón a inscrición da mesma no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. O órgano de goberno desta fundación acordou, na súa reunión do 30 de abril de 2010, a extinción da mesma, motivada pola imposibilidade de realización dos fins fundacionais. Segundo o establecido nos seus estatutos, os fins desta fundación eran a investigación, fomento e promoción das especies cinexéticas e piscícolas e a súa relación co ambiente e, especialmente, coa flora e demais fauna silvestre, ademais da formación das persoas interesadas nestas actividades dentro da nosa comunidade autónoma. 

A Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece (artigo 44) entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario a tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado, que exerce Medio Rural. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Requisitos
O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos formais esixidos pola normativa legal e os estatutos da fundación, sendo aprobado por unanimidade dos membros do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra entidade da mesma natureza. Logo do informe de liquidación efectuado pola comisión encargada ao efecto, na que se elaborou o inventario-balance, e aprobada polo Padroado da Fundación con data de 15 de febreiro de 2011, a Consellería, que exerce o Protectorado da mesma, ratifica a súa extinción e a inscrición no rexistro correspondente.
Racionalización de organismos dependentes
Esta medida enmárcase na execución do Plan de racionalización dos organismos dependentes do Goberno galego, aprobado en Consello da Xunta na súa reunión do 22 de abril de 2010. O dito plan consistiu na avaliación da estrutura e funcionamento de 64 dos 145 organismos da chamada Administración paralela, e concluíu co mantemento (introducindo melloras) de 16 deles e a supresión ou reformulación das 48 restantes.
Os obxectivos do Plan son evitar as duplicidades que se tiñan detectado, gañar en eficacia e en transparencia, adelgazar a Administración paralela e que non sexan organismos autónomos os que presten servizos e actividades que poden prestar de igual ou mellor xeito as consellerías de que dependen, e acadar un menor custo.
FONTE: COSELLERIA DO MEDIO RURAL