21/5/11

PREVENCIÓN DAS PICADAS DE CARRACHAS

¿Que é unha carracha? 
É un parasito externo, artrópodo, pertencente á clase Arachnida e da orde Acarina. As carrachas son parentes afastados das arañas. Son hematófagos, aliméntanse de sangue dos vertebrados. 

Estados da carracha:


Os adultos vense facilmente, pero as larvas e as ninfas non porque son máis pequenas.  

¿Onde viven?
 Encóntranse en áreas boscosas e pasteiros.

¿Transmiten enfermidades?
O primeiro que hai que aclarar é que as picadas de carrachas non sempre supoñen a transmisión de xermes patóxenos, aínda que a simple picada pode comportar efectos adversos. Para transmitir a enfermidade tería que ter parasitado un vertebrado que estivese infectado. A transmisión dos microorganismos patóxenos realízase a través da saliva segregada polas glándulas salivais cando os seus quelíceros perforan a pel e empezan a succionar. Tamén os poden transmitir por productos de refugallo excretados e líquidos excretados polas glándulas coxais.


En caso de picada ¿Como se debe actuar?
Cando se detecta a carracha debe retirarse o antes posible, sen precipitación, pero sen deixar pasar tempo innecesario. 

O que non se debe facer: Débense descartar métodos tradicionais como o uso de alcohol, aceite, vaselina, petróleo, esmalte de uñas ou outros productos, porque crean unha especie de película arredor da carracha que impide que respire, o que parece acelerar a regurxitación de sangue, aumentando a probabilidade de que a carracha, en caso de estar afectada, transmita a infección. Tampouco se deben cortar nin queimar e, sobre todo, non se debe tirar cos dedos esmagando o seu corpo, pois neste momento poderíase favorecer a inoculación de fluídos cos patóxenos desde a carracha ao corpo do hospedador. 



O que se debe facer: A forma máis correcta de retirala é usando unhas pinzas, de punta estreita, de ser posible curvadas, coas que suxeitaremos a carracha o máis preto posible da pel, evitando esmagala. Despois realizaremos unha tracción continua e lenta (poderá levar case un minuto), progresiva, sen excesiva forza, nunca bruscamente, e en perpendicular. Nunca se debe retorcer a carracha. Ao finalizar, sempre se aplicará un antiséptico na zona da picada. Despois, lavaremos ben as mans. Anotaremos a data e a zona da picada da carracha.

Acuda a un facultativo se non puido extraer toda a carracha. Igualmente, consulte se nos días seguintes á picada da  carracha desenvolve:
-          Erupción.
-          Síntomas pseudogripais.
-          Dor ou arrubiamento nas articulacións.
-          Inflamación dos ganglios linfáticos.


Como evitar as picadas 
Á hora de visitar áreas boscosas ou de pastos:
-          Extreme a vixilancia cando estea cerca de animais nos que se constatase a presenza de carrachas.
-          Mantéñase sobre os camiños claros e de tránsito.
-          Use camisas de manga longa e de cor clara cos puños abotoados, pantalóns longos, botas cerradas e medias altas.
-          Leve a camisa sempre por dentro do pantalón.
-          Se ten o pelo longo, mantéñao atado cara a atrás e cúbrao cun sombreiro, meténdoo, no posible, por dentro.
-          Revise as roupas e as zonas de pel descuberta (mans, brazos, cara, pescozo, etc.) con frecuencia.
-          Evite sentar directamente no terreo ou en muros de pedra.

 Despois de que termine a súa visita:
-          Cepille a roupa antes de entrar no local en que se muda.
-          Quite a roupa e métaa nunha bolsa.
-          Inspeccione o pelo e as zonas cutáneas descubertas.
-          A auga e o xabón poden eliminar a carracha na súa pel, pero o máis aconsellable é pasar unha toalliña húmida polo corpo e facer unha autoinspección coidadosa despois do baño.
-          Desinsecte o lugar onde se mudan os operarios/as, na primavera ou principios do verán e no verán ou principios do outono.
-          Meta durante 20 minutos a roupa que levou posta nunha secadora ou lavadora.


Fotografías incluídas corresponden con Ixodes ricinus, unha das especies máis frecuentes en Galicia.

DESCARGAR TRIPTICO INFOMATIVO: PREME AQUÍ

FONTE: CONSELLERIA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA