9/9/10

EDITORIAL DO BOLETIN INFORMATIVO DE UNITEGA: TECORes SETEMBRO 2010

OUTRO ANO MAIS

Estimado/a cazador/a coa entrada deste novo mes e dun número máis de “Tecores” queremos facernos eco do que representa o comezo da maior nos nosos montes, pero moi especialmente do complicado que foi dar chegado tamén ós nosos agricultores, agardando que noite tras noite os “nosos” xabaríns non lle poñan fin a unha inversión custosa na colleita. É probable que o retorno dos ladros ó monte e dos estrondos das nosas armas encha de tranquilidade ós nosos veciños/as que están a piques de colleitalo cereal, as patacas, as vides ou o millo, por desgraza convértese tamén nunha data esperada polos xestores dos Tecores e por unha Administración que na maioría dos casos non se pronuncia e aproveita as nosas divisións e faltas de concreción na determinación de obxectivos básicos para o mantemento da caza social tal e como a coñecíamos ata o de agora na nosa terra. 

Este é o momento de non volver a esquecernos dos problemas que nos plantexan os danos nos cultivos as especies cinexéticas. Que o momento de entregarnos á luxuria e paixón da caza non nos afaste en exceso dunha realidade crúa e sobre todo cuantificable. 

Agora deixamos o tempo de recoller sinaturas, de escoitar e comprender ós veciños/as afectados, de tramitar diante da Administración medidas que poidan paliar os danos que produce a caza maior nos cultivos, ese intre no cal toda a xestión dos nosos tecores dependía única e exclusivamente da capacidade de aguante e resistencia dos nosos labregos e labregas. 

Agora esquecemos que seguimos a ser os “responsables” dos danos que produce a caza maior, que temos unha lexislación que certamente é a sentenza final para rematar coa caza social. Que existe un frecha que apunta directamente ó noso colectivo cando se pulsa calquera teléfono da Administración para queixarse polos danos. ¿Cantos de nós colaboraríamos asociativamente coas entidades que xestionan os tecores de termos que afrontar o custe dos danos en cultivos? ¿Cantos de nós preguntamos como non existe ningún tipo de seguro que nos ampare polos danos en cultivos, ó contrario que ocorre cos sinistros na circulación viaria?

Sen dúbida que polo amor que lle temos á nosa paixón e á nosa terra o faríamos, pero certamente é algo a ter en conta cando de asociacións sen ánimo de lucro falamos, e aquí é onde calquera día nos aparecerá unha sombra amparada por “figuras” cinexéticas que teñen o lucro entre os seus obxectivos e aplicará a selección natural diante dos practicantes da nosa actividade que xa todos sabemos como se mide. 

Agora esquecemos que unha parte moi significativa dos afectados/as polos danos, non poden facer efectiva ningún tipo de axuda por parte de Administración autonómica, quen ideou un sistema de axudas para agricultores profesionais, un sistema que ó final é empregado para non poder dispoñer de cifras exactas e da realidade que está a supoñer o avanzado proceso de abandono do medio rural, o que propicia o medre destas especies, pero sobre todo para o que é máis importante, para ir tirando. Mentres se vai tirando ninguén se preocupa, non pasa nada, os labregos dan voltas dun lado para outro para tentar recoller unha bágoa, a veces tantas voltas que desisten, incluso as veces desisten de poñernos fronte a fronte coa Lei. Ó noso entender non podemos ser cómplices deste tipo de situación, a nosa obriga é ser solidarios e ter en conta á poboación do rural á hora de abordar e de por riba da mesa este problema, para que entre todos poidamos afrontar solucións concretas e eficaces para esa especie en extinción, os labregos, e con eles o noso país, e para nós, quen afrontamos a repercusión dunha serie de consecuencias naturais sobre o abandono do campo e a proliferación das especies de caza maior como se dunha estratexia de repoboación xurdíramos, talmente como se nos esquecéramos da problemática do coello e da perdiz rubia. 

En que momento os lexisladores e a Administración actual van comprender que non somos os propietarios de todos os terreos cinexéticos, que legalmente non podemos atallar os problemas producidos polos danos, que en beneficio de toda a sociedade e do medio ambiente non se debese promover a extinción destas especies, pero amigo, cando nos apretan e non temos outra saída... ¿Chegará o momento no cal a administración e a sociedade teña que plantexarse a recuperación do xabarín, como parece tratarse agora ó lobo? ¿Para cando seremos capaces de afrontar cara a cara e todos xuntos que non podemos asumir ser os únicos responsables dos danos producidos polas especies cinexéticas? Sen dúbida ese será o momento no que poidamos dicir que comezamos a abordar unha solución real e efectiva.