9/6/10

Medio Rural reduciu o tempo de resolución e pago aos gandeiros dos expedientes relativos a ataques de lobos


 Consellería de Medio Rural reduciu os tempos de resolución e pago dos expedientes derivados de ataque de lobos ao gando na provincia lucense. Así o confirman os técnicos da Delegación Territorial, que destacan o traballo realizado pola comisión do lobo durante o último ano, reuníndose en ocasións ata dúas veces ao mes para pór ao día os procedementos.
A asiduidade das xuntanzas permitiu acurtar os tempos entre a incoación do expediente e a súa elevación á comisión para a pertinente valoración, que agora é practicamente inmediato cando antes acumulaba retrasos de ata dous meses.
Actualmente o período total de tramitación, dende que a Xunta ten coñecemento do ataque ata que se resolve o expediente, é dunha media de tres meses. O expediente incóase a instancias do propio afectado e previa inspección por parte dos técnicos autorizados.
Posteriormente é avaliado pola comisión do lobo, da que forman parte técnicos de Medio Rural e representantes de asociacións agrarias, entre outros. Finalmente, o procedemento é remitido aos servizos centrais da consellería para que proceda a formalizar os pagos.
Liña específica
A Xunta mantén aberta unha liña específica de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando. A convocatoria destas axudas para 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de decembro de 2009 e comprende os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro do pasado ano ata o 30 de setembro deste 2010.
Destas axudas poden beneficiarse tódolos gandeiros galegos afectados, pero se establecen unhas áreas específicas (chamadas zonas 1) nas que estatisticamente se rexistra un maior censo de lobos e máis casos de ataques, e nas que estas axudas poden incrementarse ata un 30%. Así mesmo, con carácter anual a Consellería do Medio Rural publica tamén unha orde de axudas para a prevención de ataques de lobo ao gando.