18/6/10

18/06/2010 O DOG publica as axudas para conservación de recursos naturais e fomento da sustentabilidade nos espazos protexidos


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe 18 de xuño de 2010 unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais na nosa Comunidade Autónoma. Ademais, procédese a convocatoria destas axudas para os anos 2010 e 2011.
Poderán ser beneficiarios os propietarios de terreos situados nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas nun parque natural. Tamén os titulares de explotacións agrarias ou gandeiras que estean dentro dun espazo protexido; as comunidades de montes veciñais do parque; as empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúa o espazo protexido ou os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque.
Entre as actividades subvencionables atópanse a mellora da paisaxe agraria; a limpeza e restauración de camiños; a sinalización; a creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitantes; a preservación de hábitats e vexetación de ribeira; a conservación das poboacións de especies protexidas; a loita contra a erosión ou as accións e actividades de educación ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta Orde no DOG.
Financiamento
As axudas reguladas nesta Orde financiaranse con cargos a fondos propios da Xunta e tamén con cargo ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, cun cofinanciamento do fondo Feader. A dotación inicial para as anualidades de 2010 e 2011 é de 630.000 euros para cada un dos exercicios orzamentarios. Estas cantidades poderán incrementarse en función das dispoñibilidades.
(VER TEXTO DA ORDE)
FONTE: NOVAS DA XUNTA