19/4/10

O DOG publica a orde de axudas de medio rural para paliar os danos producidos polo xabarín en cultivos agrícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, 19 de abril de 2010, unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabarín e se convocan para o ano 2010.

O obxectivo desta orde é establecer as bases dunha liña de axudas de carácter compensatorio a favor dos afectados polos danos causados por este animal nos seus cultivos agrícolas. Os beneficiarios serán todos aqueles agricultores profesionais, entendendo como aquela persoa física titular dunha explotación agraria, gandeira ou forestal, e as sociedades agrarias de transformación (SAT) e cooperativas de explotación comunitarias de terras.

Orzamento
O orzamento previsto para esta liña de axudas ascende a 250.000 euros, dotación que poderá ser incrementada en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades presupostarias. En canto ao importe das axudas, calcularase segundo a valoración dos cultivos danados, establecendo como importe máximo, por ano e beneficiario, a contía de 1.500 euros.

Estas axudas son incompatibles coas que se soliciten polos mesmos feitos en parques naturais dependentes da Administración autonómica; así como coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Prazos
As axudas comprenden os danos producidos polo xabarín nos cultivos agrícolas dende o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010. O prazo para formalizar as solicitudes remata o 15 de outubro de 2010.

Os titulares destes cultivos deberán comunicar os incidentes á Consellería do Medio Rural nun prazo máximo de sete días dende a produción do dano. Os afectados poderán facelo a través do teléfono do 012 ou mediante o servizo de denuncia por Internet en https://www.xunta.es:444/caza/. (VER D.O.G.)

FONTE: NOVAS DA XUNTA