22/1/10

NACE A ASOCIACIÓN GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO

Un grupo de persoas preocupadas pola conservación da natureza únense para aplicar no noso país as técnicas de custodia do territorio, unha nova ferramenta que implica á sociedade civil na loita contra a destrución da paisaxe e o patrimonio natural. Desde hai xa décadas a Administración é a responsábel da conservación dos valores naturais e paisaxísticos, principalmente mediante a declaración de espazos naturais protexidos. Pero cada vez é máis evidente que esta tarefa non debe estar limitada aos recursos públicos nin aos limites dos parques naturais ou reservas. É necesaria a implicación da sociedade civil para complementar os recursos públicos, para abranguer todo o territorio alén dos espazos protexidos e para responsabilizar á sociedade na conservación do noso patrimonio natural.
As entidades de custodia do territorio son organizacións sen ánimo de lucro que procuran acordos cos propietarios de terreos de alto valor natural ou paisaxístico. Estes acordos normalmente implican un compromiso por parte do propietario de respectar e aplicar determinadas condicións de protección e xestión na súa finca. A cambio a entidade pode ofrecer asesoramento para unha correcta xestión, o apoio de voluntarios en tarefas de conservación e o recoñecemento ante a sociedade.
A Asociación Galega de Custodia do Territorio fundouse en abril do 2008. Após un período dedicado á posta en marcha dos aspectos legais e organizativos, a asociación lanza o seu web (www.custodiadoterritorio.org) e convoca a súa primeira asemblea xeral para o mes de febreiro. Con isto a asociación dáse a
coñecer ao público e inicia unha campaña de captación de socios e voluntarios que posibiliten o traballo do colectivo.

Contacto: Óscar Rivas, Secretario Tel. 620 593 892 correo-e: custodiadoterritorio@gmail.com
ASOCIACIÓN GALEGA DE CUSTODIA DO TERRITORIO San Vicente 22, 1º 27003 LUGO