19/11/09

Utilización e control de cans

1. Os donos ou os posuídores de cans están obrigados a cumprir, en relación con eles, para a práctica da caza e para a conservación das especies cinexéticas o prevido neste regulamento, sen prexuízo do sometemento ó establecido na normativa vixente na materia.
2. O cazador será responsable das accións dos cans en canto se vulnere o presente regulamento ou as normas que se dicten para a súa aplicación; en todo caso e de maneira singular, evitarase que danen as crías ou os niños.
3. Quen practique a caza con can, aínda que non porte armas ou outros medios para cazar, precisa estar en posesión da licencia de caza correspondente. Non estarán obrigados a ter esta os batedores, axexadores e encargados dos cans cando actúen como auxiliares das cacerías.
4. Prohíbese o tránsito de cans por terreos cinexéticos, salvo que estean acompañados polos seus donos e a unha distancia que lles permita mantelos baixo a súa vixilancia e control, quedando obrigados a impedir que estes persigan ou danen as pezas de caza, as súas crías ou os seus niños.
5. O tránsito de cans polas zonas de seguridade esixirá como único requisito de carácter cinexético que o dono ou posuídor se ocupe de controlar eficazmente o animal, evitando que este moleste, persiga ou dane as pezas de caza, as súas crías e os seus niños. Non obstante, naqueles casos e condicións en que se permita cazar en determinadas zonas de seguridade, a utilización de cans rexerase polo disposto no punto segundo do presente artigo.
6. Os cans que se utilicen para a custodia e manexo de gando deberán permanecer sempre baixo a inmediata vixilancia e alcance do pastor, para impedirlles que produzan molestias ou danos á caza.
7. Tódolos cans de caza serán identificados debidamente no correspondente censo, no que se consignarán os datos seguintes:
a) Identificación do animal, que se verificará mediante implantación subcutánea dunha cápsula lexible por medios físicos, portadora do código emitido e adxudicado polo rexistro.
b) Identificación do titular ou posuidor do animal.
c) Domicilio do propietario ou posuidor.
8. O propietario ou posuidor de cans de caza deberá cumprir en todo momento as obrigas que a normativa sobre protección de animais domésticos establece e deberá mantelos en perfectas condicións hixiénico-sanitarias, sendo obxecto do oportuno expediente sancionador en caso da súa contravención.
9. As trelas, que consisten en utilizar un ou varios cans atados cunha corda ou correa e que seguen o rastro da caza ata encontrala, poderanse utilizar unicamente para a localización de especies de caza maior.
10. Para o emprego de mandas de cans será necesario estar en posesión de licencia especial expedida polas delegacións provinciais; para tales efectos, considerarase manda toda agrupación composta de entre quince e vintecinco cans.
11. Cando no lexítimo exercicio da caza, os cans perseguindo unha peza entraran nun Tecor, para o que o cazador non dispoña da oportuna autorización, este poderá entrar no antedito ámbito para recuperalos. Para tal fin deberá descarga-la súa arma e enfundala, en actitude inequívoca de procurar exclusivamente a recuperación dos seus cans.

FONTE: Artigo 41º do DECRETO 284/2001, DO 11 DE OUTUBRO, POLO QUE SE APROBA O REGULAMENTO DE CAZA DE GALICIA.