6/6/09

EFICACIA, EFICIENCIA E AUSTERIDADE PRIMAN NA NOVA ESTRUTURA ORGÁNICA DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Os compromisos de eficiencia, eficacia e austeridade na xestión, asumidos pola Xunta de Galicia, plásmanse de xeito concreto na nova estrutura da Consellería do Medio Rural. O Consello do goberno galego deu hoxe o visto e prace ao Decreto que establece as competencias e órganos que integran este departamento, así como as entidades adscritas á consellería.

Trátase, como na Xunta no seu conxunto, de racionalizar o armazón administrativo da consellería que ten competencias para propor e executar as directrices xerais do goberno no ámbito rural.

Neste sentido, o decreto establece que o campo de actuación da Consellería do Medio Rural engloba as competencias en materia de agricultura; gandaría; desenvolvemento rural e ordenación comarcal; estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais; montes; prevención e defensa dos incendios forestais e conservación da natureza.

Fonte: www.xunta.es

Ademais do conselleiro, integran a estrutura desta consellería a Secretaría Xeral; cinco direccións xerais (Produción Agropecuaria, Desenvolvemento Rural, Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Montes e Conservación da Natureza); os departamentos territoriais; o organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria; e os entes públicos Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e Instituto Galego de Calidade Alimentaria.