1/3/26

ATENCIÓN TECORES DE GALICIA: NOVO RISCO DE SINISTRALIDADE Á VISTA COA CAZA EN MAN DO XABARIL

Dende UNITEGA vimos de presentar hoxe mesmo, por rexistro electrónico, un escrito formal dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. O obxectivo? Esixir claridade xurídica e protexer o peto e a viabilidade das nosas sociedades de cazadores.


Cal é o problema?
Todo apunta a que na vindeira tempada (2026/27) a Xunta porá en práctica a modalidade de "caza en man" para o xabaril. O perigo chega se, durante esa acción de caza, prodúcese un accidente de tráfico. A Lei de Tráfico estatal di que o Tecor é o responsable dos danos só se o sinistro deriva dunha "acción de caza colectiva de caza maior".


O risco real para os Tecores:
Se a Xunta non define claramente esta nova modalidade, os xulgados poderían interpretar que dous ou máis cazadores actuando en man xa constitúen unha "acción colectiva". Isto poría á caza en man ao mesmo nivel de responsabilidade que as batidas ou monterías. As condenas xudiciais provocarían un aumento inasumible do custo dos seguros ou a cancelación das pólizas por alta sinistralidade. Isto abocaría á quebra e á extinción de moitos Tecores en Galicia.

Que lle pedimos á Xunta?
Non podemos permitir que os Tecores asuman este risco ás cegas. Por iso, esixímoslle á Consellería que se molle e responda cun SI ou NON a esta sinxela pregunta:
"Considera a Consellería que a modalidade de 'caza en man' sobre o xabaril ten a consideración legal e técnica de 'acción de caza colectiva de caza maior' aos efectos de responsabilidade?"

Os titulares dos Tecores precisan coñecer esta resposta antes de decidir se autorizan ou non esta modalidade nos seus Plans Anuais. E advertimos: se a Administración opta polo silencio e non contesta a esta consulta vinculante, acudiremos directamente ao Valedor do Pobo. 

Axúdanos a darlle difusión! Comparte esta publicación para que todas as directivas dos Tecores e cazadores galegos saiban a que nos enfrontamos e como dende UNITEGA estamos traballando para evitalo.