27/2/17

O-Xan solicitou unha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente



Os colectivos que integran O-Xan, que representan a máis de 30.000 interesados, solicitaron unha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para presentarse oficialmente como grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia, constituído co obxectivo de fomentar o diálogo para minimizar a conflitividade social e favorecer os acordos a favor da coexistencia entre o lobo e a sociedade galega, así como propoñer, debater e estudar medidas para unha correcta xestión desta especie.


Ademais, desde  O-Xan quérese coñecer de primeira man, o alcance que se pretende dar este ano á revisión dos baremos das indemnizacións por danos do lobo no gando para incrementar o importe que se lle paga aos gandeiros; e que foi anunciado recentemente pola Directora Xeral de Patrimonio Natural, así como as axudas á prevención de ataques, tan necesarias para a redución da conflitividade.

Quérese solicitar tamén á Consellería que se habilite un sistema de comunicación de ataques a cans utilizados nas explotacións gandeiras, na actividade cinexética ou como animais de compañía. A efectos de ter datos do alcance real deste tipo de danos que tanta alarma social crean ultimamente nos medios de comunicación e nas redes sociais.

Para finalizar, vai trasladar a Beatriz Mato unha invitación para que o Grupo de opinión O-Xan conte tamén entre os seus membros cun representante permanente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, co obxectivo de que sexa participe dos diálogos e análises que se fan nas reunións que periodicamente celebra O-Xan. O que sen dúbida sería unha útil ferramenta para conseguir minimizar a conflitividade social e avanzar nunha correcta xestión desta especie que forma parte do noso patrimonio natural.

Máis información sobre O-Xan: