8/3/17

Medio Ambiente actualizará este ano o Plan de xestión do lobo para adaptalo á situación actual desta especie


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sinala que se revisarán especialmente o relativo á zonificación do seu ámbito de aplicación e ás medidas de xestión

Argumenta que as circunstancias desta especie variaron ao longo destes 9 anos, polo que é necesario revisar o plan de xestión do lobo, aprobado en 2008

Beatriz Mato aposta por traballar na senda da prevención dos danos, pois a longo prazo resulta máis rendible que investir só en danos

Santiago, 8 de marzo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio actualizará ao longo de 2017 o Plan de xestión do lobo para introducir melloras que permitan adaptalo á realidade actual desta especie. Así o avanzou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, quen engadiu que se trata de poñer ao día a regularización e o control desta especie e para o que se tomará como referencia a experiencia acumulada na súa xestión durante estes últimos anos.

Tal e como explicou a conselleira, revisarase especialmente o relativo á zonificación do seu ámbito de aplicación e ás medidas de xestión, polo que se actualizarán ás zonas establecidas no plan tomando como base o último censo da especie, elaborado no período 2013-2015, xunto coa información recompilada ao longo dos anos, e que poñen de manifesto que as circunstancias variaron nos últimos 9 anos.

A conselleira de Medio Ambiente trasladou que o departamento que dirixe é consciente da importancia que teñen para o sector as axudas para a reparación dos danos, polo que se continuará coa axilidade nas súas concesións. Así, revisaranse os baremos actuais, co fin de establecer axudas para os gandeiros máis xustas e no menor posible.

Beatriz Mato apostou por traballar na senda da prevención dos danos, pois a longo prazo resulta máis rendible que investir só en danos, e recordou a liña de axudas destinadas especificamente á prevención de ataques, dotada con 400.000 euros para a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos e mallas electrificadas. Tamén se continuou coas axudas para paliar os ataques á gandería e que este ano está dotada con 380.000 euros, un 6% máis que no 2016. Recordou que desde 2009 se destinaron preto de 1,2 millóns de euros a abonar case 3.500 axudas. En relación cos danos producidos por esta especie, indicou que durante o ano pasado se rexistraron en Galicia 820 avisos, con máis de 1.500 reses afectadas.

Defendeu que o Goberno galego está a aplicar o plan que está en vigor, aprobado en 2008, e adiantou que se está a facer un estudo sobre a eficacia dos métodos de prevención de danos ocasionados, segundo os distintos tipos de explotación. A análise de información permitirá establecer protocolos de actuación harmonizados en todo o territorio galego.

Sinalou que os estudos conclúen que as poboacións do lobo mantéñense en Galicia e confirman a presenza xeneralizada en todo o territorio galego, con 90 manadas reprodutoras, das que 14 son transfronterizas.