10/3/17

A XUNTA APROBA A ESTRATEXIA GALEGA PARA A LOITA CONTRA O USO DE CEBOS ENVELENADOS NO MEDIO NATURAL

O Goberno da Xunta de Galicia aprobou a Estratexia galega para a loita contra o uso de cebos envelenados no medio natural. A estratexia consiste nunha batería de medidas recollidas nun plan de acción cuxo fin último é a erradicación do uso de velenos como un dos factores que pon en risco a biodiversidade na Comunidade Autónoma galega.  Este plan de acción de loita contra o uso do veleno ilegal no medio natural persegue o triplo obxectivo de investigar e perseguir os casos de envelenamento da fauna, informar dos incidentes que se produzan en Galicia, así como previr, disuadir e reforzar a vixilancia.

Para iso, a Xunta estreitará a colaboración e potenciará a coordinación entre os seus departamentos e coas forzas da orde, a través da Policía Autonómica de Galicia e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona). Igualmente, buscará, mediante a Federación Galega de Municipios e Provincias, a implicación dos corpos locais de policía e, tamén, da Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia. Ademais, a Xunta pedirá a aqueles colectivos que desenvolven a súa actividade económica ou de lecer no medio rural que se involucren na información e sensibilización sobre as consecuencias desta práctica ilegal sobre a fauna, o medio ambiente e a saúde pública.  

Cómpre destacar que en Galicia se produce, anualmente, un número elevado de mortes de exemplares de fauna silvestres, protexida e mesmo de animais domésticos debido á colocación de cebos envelenados no medio natural. Así, nos últimos anos, foron detectados na Comunidade autónoma un total de 155 casos. Colateralmente, máis de 320 animais domésticos e silvestres, fundamentalmente cans, víronse afectados pola colocación destes cebos impregnados, maioritariamente, con estricnina. Unha substancia prohibida e altamente tóxica, que, a xulgar polas estatísticas, continúa a utilizarse para estes fins. É así como o Executivo galego pon en marcha un plan específico para diminuír e finalmente erradicar o uso de veleno ilegal no medio natural.

Unha medida que, non obstante, xa forma parte das establecidas no plan de recuperación de especies en perigo de extinción -o oso pardo, por exemplo-, así como nos plans de xestión deespecies de interese comunitario –o lobo- e nas propostas técnicas doutros plans de conservación de especies ameazadas, precisamente, como medidas para garantir a viabilidade das poboacións autóctonas destas especies e, por tanto, de preservación da biodiversidade.

Obrigatoriedade de reparar o dano biológico
Cómpre lembrar que o Código penal tipifica como delito o emprego non autorizado de velenos no medio natural e a morte de especies ameazadas por estas prácticas. A nivel autonómico, considérase infracción administrativa, polo que, unha vez identificado o autor dos feitos delituosos, se incoaría o correspondente expediente sancionador. Ademais, segundo a magnitude, gravidade e transcendencia do episodio, poderanse aplicar medidas cautelares e/ou recuperadoras da fauna e, en todo caso, sempre se lle reclamará o autor dos feitos delituosos a cobertura dos custos derivados destas accións recuperadoras.