1/8/13

O CONSELLO DA XUNTA NOMEA A VERÓNICA TELLADO NOVA DIRECTORA XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA


Substitúe no posto a Ricardo García Borregón, que cesa por petición propia 

O Consello da Xunta nomeou hoxe a enxeñeira Verónica Tellado Barcia nova directora xeral de Conservación da Natureza, que substitúe no posto a Ricardo García Borregón, que cesa tamén no día de hoxe por petición propia logo de estar á fronte da dirección xeral desde comezos da pasada lexislatura.

A nova responsable do centro directivo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas naceu en Ferrol e é enxeñeira superior agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela.

A súa traxectoria profesional estivo sempre vinculada á xestión ambiental, primeiro como consultora no sector privado e desde 2009, ano en que accedeu ao corpo especial de enxeñeiros agrónomos da Xunta de Galicia, na Administración pública galega.

Antes do seu nomeamento, Verónica Tellado desempeñaba o cargo de subdirectora xeral de Residuos e Solos Contaminados dentro da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en que tamén foi xefa de servizo en diferentes postos.
Anteriormente, formou parte do Servizo de Intervención de Mercados do Fondo Galego de Garantía Agraria da Consellería do Medio Rural e do Mar.