11/4/13

O anteproxecto da Lei de Caza, protagonista da asemblea do vindeiro sábado

Antes da celebración da asemblea xeral, que terá lugar o vindeiro sábado, na porta 4 do Estadio Multiusos de San Lázaro, en Santiago, onte reuníanse, como é preceptivo estatutariamente, a xunta directiva e a comisión delegada que daban luz verde ao informe económico e de xestión do pasado exercicio.


A implantación da licenza federativa autonómica para a próxima tempada foi outra das cuestións que contou co respaldo unánime de ámbolos dous órganos, pero a atención principal estivo novamente marcada polo Anteproxecto da Lei de Caza; o presidente informaba que despois de reunirse co Conselleiro de Medio Ambiente, coa Portavoz Parlamentaria da área de medio ambiente do PSdeG, e co Director Xeral de Conservación, -sen compromiso algún por parte dos responsables institucionais respecto das achegas realizadas pola FGC- vense de solicitar unha nova entrevista ao Conselleiro unha vez coñecido o ditame do Consello Económico e Social. A asemblea do vindeiro sábado marcará a folla de ruta que seguirán os cazadores galegos no caso de non verse reflectidas as achegas do colectivo.

Por outra parte, o presidente dos cazadores reuníase tamén onte co Director Xeral de Semana Verde de Galicia, quen lle pedía a colaboración da entidade federativa para organizar diferentes actividades deportivo-cinexéticas durante a próxima edición da Feira Internacional, pola súa parte o presidente dos cazadores comprometeuse a estuda-lo proxecto e colaborar nalgunha das iniciativas.

FONTE: FEDERACION GALEGA DE CAZA